domingo, 17 de febreiro de 2019

Pan caseiro de fariña de kamut

Bo día, bolboreteir@s!! Como vai todo? Agardamos que ben. Levabamos un tempo que cada vez que vos estabamos a escribir, ollabamos como diluviaba fóra, tal e como se espera no inverno claro. Pois esta semana, xa vedes que nos puxeron o mel nos labios, e non o dicimos pola última receita, senón por este sol que tanto anima a pasear e facer vida fóra.
Mais ben, ao que imos. Por aquí andamos dous amantes do pan, das masas polo que vos imos presentar unha receita que desfrutamos ben.
Para algúns, o título da receita será novidoso pois talvez non coñezades o kamut, tal e como nos pasaba a nós. Con todo, uns días atrás unha marabillosa compañeira de traballo mostrounos este recurso que a ela tanto lle prestaba en pan, empanadas e tortas.
Investigamos e fomos por el a unha tenda ecolóxica na Coruña. Podédelo conseguir tamén nestes estabelecementos que venden a granel.
Falamos dunha variedade antiquísima de trigo que, segundo din, xa se cultivaba no Exipto hai millóns de anos e que se dá en zonas excepcionalmente cálidas e que na actualidade se comercializa a través da empresa Kamut Internacional, protexéndoo baixo a marca kamut (trigo en exipcio).
O que sorprende desta subvariedade do cereal é a gran cantidade de propiedades que ofrece. Aínda que descoñecidos para moitos e moitas, entre os que nos encontrabamos, é apreciado por ser moi rico en proteínas, contido en minerais (zinc e magnesio, por exemplo) e en xeral destaca pola súa capacidade antiinflamatoria e antioxidante. Vaia, toda unha xoia sobre a que vos animamos a vos informar.
E claro, quedábanos un detalle importante xa que aquí viñemos para papar: está boísimo!! Velaquí a receita!


Pan caseiro de fariña de kamut



Ingredientes:


  • 400ml de auga
  • 350g de fariña de kamut
  • 150g de fariña de forza
  • 100g de masa anterior
  • 10g de lévedo de panadaría
  • 2-3 culleradas de sésamo
  • Un chisco de sal

Utensilios: unha cunca, unha espátula, unha bandexa apta para o forno e papel transparente e papel vexetal.


Elaboración:


Para comezarmos, mesturamos as fariñas e o lévedo disolto na auga e deixamos repousar durante 30 minutos. 


Engadimos a masa anterior (unha masa que nos sobrara doutro día, por exemplo dunha pizza ou unha empanada), tamén podedes usar a mesma cantidade de masa nai. Salgamos e engadimos o sésamo.  Amasamos moi ben. Tede paciencia aínda que con traballo conseguiredes unha masa homoxénea e elástica. Ten de repousar 1h, tapada con papel transparente. 









Cando dobre o seu tamaño, botamos a masa sobre papel vexetal, engadimos un chisco máis de fariña e amasamos dobrando a masa sobre si mesma para darlle forma de fogaza. Facémoslle uns cortes finos na parte superior. Deixamos repousar, aproximadamente, 1 hora máis. 










Enfornamos a 220º, co forno forno prequente, calor arriba e abaixo, durante 40 minutos. Se vedes que se o pan se torra moito, podédelo tapar con papel de aluminio e deixar cociñar o tempo restante. 





Se sodes capaces de resistirvos á tentación, deixade que arrefríe un pouco! 



E xa estaría listo para comer! 



Ademais de ter unha pintaza tremenda, como vedes, estamos a descubrir que aguante moito mellor o paso do tempo que outros pans caseiros que temos feito. Como gozamos o preparado e a degustación.
Agora é o voso momento. Xa nos contades!! Aperta forte!

Ningún comentario:

Publicar un comentario