venres, 29 de setembro de 2023

Nachos con carne

Hoxe traémosvos unha nova idea para pór en práctica esta fin de semana. Na casa, todos adoramos os nachos con carne, que deben levar, tamén, bastante queixo. Esta é unha receita que podemos adaptar ao noso gusto, incorporando ingredientes segundo as nosas preferencias, ou o que teñamos no refrixerador. Despois de probar con varias combinacións, esta é a nosa preferida. 


Nachos con carne



Ingredientes: 


Para a carne: 

  • 250 g de carne picada 
  • 250 g de tomate triturado 
  • 1 cebola 
  • 1 cenoria 
  • 1/2 pemento verde 
  • 1 cullerada de tomate concentrado          
  • 1 pastilla de caldo de carne 
  • Auga 
  • AOVE 
  • Allo en po 
  • Comiño 
  • Pementa moída 
  • Sal 

Para a montaxe: 

  • Nachos, os nosos preferidos. 
  • Guacamole 
    • Aguacate
    • Tomate
    • Cebola
    • Comiño
    • Lima
  • Crema agria 
    • 200 g de nata
    • Zume de lima
    • Sal
  • Queixo ao gusto 

Utensilios: unha tixola, unha culler, unha fonte apta para o forno, unha táboa e un coitelo. 



Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer o rustrido. Para iso, temos de picar a cebola, o pemento e a cenoria e rustrilos nunha tixola cun chisco de aceite. 



Ccociñamos a verdura durante 5-7 minutos e engadimos a carne picada. E, cando esta cambie de cor, agregamos o tomate triturado. 


De seguir, agregamos o tomate concentrado. 



E a pastilla de caldo diluída nun vaso de auga. Cociñamos durante 25-30 minuntos até conseguirmos que se evapore todo o líquido.


Mentres se cociña a a carne, preparamos a crema agria. Exprememos o zume de lima sobre a nata e batemos cun batedor manual. Deixamos repousar 10-15 minutos até que espese a crema. De seguir, agregamos o sal, mesturamos e refrixeramos. 


Para facermos o guacamola, temos de machacar o aguacate e agregarlle o tomate e a cebola ben picados. Tamén as especias e o zume de lima. Mestuamos moi ben. 



E xa podemos montar os nosos nachos. Colocamos unha boa capa de nachos cubrindo a nosa fonte. De seguido, a carne. 


Botamos o queixo ao gusto. 


E enfornamos, co gratinador até que se derreta o queixo. 


Servimos acompañando das salsas e xa estarían listos para comer! 



Agardamos que vos gusten e que poñades en práctica esta receita! 




Teñen pintaza, verdade? O proceso de facer a carne é un pouco longo máis asegurámosvos que merecen 100% a pena. Ademais, podemos facer máis cantidade e aproveitar esa carne para facermos burritos, pasta… ou incluso conxelala para outra ocasión. 

Probade a facela e xa nos contades, seguro que repetides! Grazas por estar sempre aí! Boa finde e aperta forte, bolboreteirxs!

Ningún comentario:

Publicar un comentario