venres, 20 de outubro de 2023

Madalenas de chocolate terroríficas

Bo día, bolboreteirxs! Hoxe traémosvos a primeira receita de Samaín. Esta é unha das nosas épocas favoritas do ano: disfraces, decoración, festas e uns ingredientes para traballar moi moi saborosos. Unhas deliciosas madalenas moi moi chocolateadas. Son deliciosas e cunha textura incríbel. Ademais, podémolas decorar como máis nos gusten, nós decidimos facer uns monstros e unhas pantasmas. 


Madalenas de chocolate terroríficas    



Ingredientes:


Para as madalenas:
  • 200 g de chocolate negro (ou con leite) 
  • 200 g de nata 35% 
  • 150 g de fariña         
  • 75 g de azucre 
  • 20 g de chocolate en po 0% 
  • 2 ovos 
  • 1 cullerada de lévedo en po 
  • 1 cullerada de vainilla 

Para a decoración:
  • Crema de cacao e abelás 
  • Fídeos de chocolate 
  • Fondant (ou ollos comestíbeis) 
  • Decoracións samaínicas 
  • Nubes

Utensilios: moldes para madalenas, unha cunca e un batedor (eléctrico ou manual), cápsulas para madalenas e varias cuncas pequenas para a decoración. 



Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer as madalenas. Para iso, temos de separar as xemas das claras. Reservamos as claras e batemos as xemas co azucre até que dupliquen o seu tamaño. 


De seguir, engadimos a nata e a vainilla e batemos de novo.


Derretemos o chocolate e botámolo á mestura anterior. Noutra cunca, batemos a fariña, o chocolate en po e o lévedo e incorporámolo á mestura anterior. Reservamos.


Montamos as claras a punto de neve e agregámolos con movemento envolventes á mestura anterior. 


Repartimos a masa nas cápsulas, colocadas no molde, e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 22-23 minutos. Deixamos que arrefríen. 


E chegou a hora de decorar as nosas madalenas. Quentamos un pouco a crema de chocolate e abelás e bañamos as madalenas nelas. 


A continuación, botamos a unhas os fídeos de chocolate e a outras as decoracións samaínicas. 


Para facer as pantasmas, temos que coller as nubes e pórlles unha pouca de crema de cacao e un pauíño para facer as caras. E, para facer os monstros, podemos mercar os ollos xa feitos ou facelos con fondant branco e negro, como fixemos nós. 

E xa estarían listas para comer! Esperamos que vos gusten e que poñades en práctica esta receita. 


Que absoluta delicia, ademais son ideais para facer cos peques da casa, que deixen voar a súa imaxinación e decoren as madalens ao seu gusto. Teñen un sabor a chocolate intenso polo que son irresistíbeis, e adictivas, avisadxs quedades! 

  

Agora, contádenos, xa empezastes coas castañas e as cabazas? Que plans tedes para Samaín? Disfraces? Truco ou trato? Ou simplemente desfrutar da familia cunhas receitas deliciosas? 


Aoerta fortísima, bolboreteirxs!

Ningún comentario:

Publicar un comentario