Bo día, bolboreteirxs! Aquí estamos de novo cunha nova receita para estas datas samaínicas. Neste caso, é unha torta moi sinxela na que xogamos coa masa, a crema e os froitos vermellos. O especial deste pastel é que é pechado e imos decorar a parte superior, neste caso fixemos a Jack Skellington, mais podedes facer o debuxo que máis vos guste.
Unha das múltiplas ideas que nos dan estas datas para crear cos peques a cociña. O noso Xiao está a tope estes días entre castañas, cabazas e doces terroríficos.
Así que aquí van os ingredientes e o paso a paso para poñerlle un pouco de sabor aos días de Defuntos e Santos. Adiante!
Torta terrorífica Jack Skellington
Ingredientes:
- 2 láminas de masa crebada
- 750 ml de crema pasteleira
- 400 g de froitos vermellos
- 60 g de azucre
- O zume dun limón
- 1 ovo
Utensilios: un molde redondo apto para o forno, dúas potas, unha espátula, un coitelo e un batedor manual.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer a crema pasteleira. Aquí vos deixamos o paso a paso. Reservamos. Se imos facer nós a masa crebada tamén sería o momento, nós, neste caso, mercámola.
De seguir, facemos a marmelada de froitos vermellos. Para iso, temos que botar nunha pota os froitos vermellos, xunto co azucre e o zume do limón.
Mesturamos ben e cociñamos 25-30 minutos a lume medio. Deixamos que arrefríe un pouco.
E chegou a hora de montar a nosa torta! Para iso, colocamos unha lámina da masa crebada no noso molde.
E, coa outra lámina de masa temos de facer o debuxo coa axuda dun coitelo.
E tapamos a torta con ela.
Batemos o ovo e pintamos a masa para que quede máis dourada no forno. E enfornamos a 220º, calor arriba e abaixo, durante 30-35 minutos.
Deixamos arrefríar un pouco e xa estaría lista para comer!
Agardamos que vos guste e que poñades en práctica esta horripilante torta.
Que terrorífica, verdade? E que delicia cuns ingredientes bastante básicos. Esta torta é momi vistosa para acabar unha comida con amigxs ou familiares, ou incluso se ides facer algunha festa por Samaín. A nós, aínda nos quedan un par de receitas de Samaín por compartivos, mais son moi moi fáciles. Agardamos que vos guste e que gocedes destes días samaínicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario