martes, 31 de decembro de 2013

Torta de profiterois

Para adozar este fin de ano e comezar con forza o 2014 presentámosvos esta primeira receita que esperamos que disfrutedes e poñades en práctica! Pese a que esta torta pareza complexa, porque son moitos pasos, é moi sinxela de elaborar e sempre triunfaredes con ela. Calquera dúbida que teñades, xa sabedes (bolboretasnobandullo@gmail.com). E non vos esquezades de mandarnos as fotos se optades por facer esta sobremesa!

Torta de profiterois (ou Saint Honoré, en honra aos pasteleir@s e panadeir@s e á rúa parisina onde se creou arredor de 1946).

Ingredientes:

  • Para a base:
    • 100 gr de fariña
    • 100 gr de manteiga
    • 125 gr de azucre
    • 2 ovos
    • Unha culleriña de vainilla
    • Unha culleriña de lévedo
    • Un chisco de sal
  • Para os profiterois:
    • 250 ml de auga
    • 200 gr de fariña
    • 100 gr de manteiga
    • 3 ovos
    • Chisco de azucre
    • Chisco de sal
  • Para o recheo:
    • 1/2  l de leite
    • 100 gr de azucre
    • 50 gr de fariña de millo
    • 4 ovos 
    • Unha culleriña de vainilla
    • A monda dun limón
  • Para a decoración:
    • Chocolate
Elaboración: 
  • Base:
O que primeiro debemos facer é prequentar o forno a 170º (calor abaixo con ventilador, mais se o voso forno non ten ventilador non vos preocupedes, utilizade só calor abaixo). A continuación, mesturade a manteiga co azucre; de seguir engadide o sal, os ovos -un a un até que se integren completamente-, a esencia de vainilla e o lévedo mesturado coa fariña, pouco a pouco, até obter unha mestura homoxénea. Botádea no molde (o que nós utilizamos é redondo, de 25 cm) e metédea no forno 10-12 min (até que se dore un pouquechiño). Reservade mentres preparades o resto da torta. A base pode estar preparada con antelación.

  • Profiterois:
Para comezarmos, debemos prequentar o forno a 150º (calor abaixo con ventilador, se o forno non ten ventilador, subide a 160º e calor abaixo). De seguir, temos de ferver a auga coa manteiga, o azucre e o sal até que reduza un pouco a salsa. Despois, retiramos do lume e engadimos toda a fariña á vez e os ovos un por un. Remexemos até obter unha masa espesa (se vos queda moi lixeira engadide máis fariña e se, polo contrario, vos queda moi espesa, unha pouca máis de auga. 
Coa axuda da manga pasteleira e dun bico estrelado, facede nunha bandexa de forno cuberta con papel vexetal, circulos de 2-3 cm, aproximadamente, e metemos no forno durante 35-40 minutos. Deixamos arrefriar para que sexa máis sinxelo reenchelos. 


  • Crema pasteleira:
Primeiramente, pomos o leite ao lume coa monda do limón. Mentres, mesturamos as xemas co azucre e a vainilla, e pouco a pouco engadimos a fariña. 
Cando o leite ferva, retiramos do lume e retiramos a monda. E engadímolo sobre o resto dos ingredientes; cando sexa unha masa homoxénea voltamos ao lume até que espese.  

Chegou o momento de montar a torta!! Para empezar, escollemos o prato en que a imos presentar e colocamos sobre el a base de biscoito. Estendemos sobre el, unha capa finiña de crema pasteleira para que se peguen ben os profiterois. Aos profiterois facémoslles un corte ao medio e coa axuda da manga, ou dunha culleriña, reechemos de crema pasteleira e imos colocando sobre a base. Cando xa estea montada decoramos, tamén coa axuda dunha culler, co chocolate fundido -que debemos fundir neste mesmo momento no microndas ou ao baño maría. A opción da nata como recheo e o caramelo ou sirope para a decoración sería, do mesmo xeito, perfecta. Non vos tiredes á torta aínda, refrixerádea unhas horas xa que aínda estará máis saborosa. Agora si, devorádea en boa compaña, que sempre se disfruta máis!!

Para finalizar esta primeira receita, só queda agradecervos a vosa grande acollida a Bolboretas no bandullo, que é alucinante, e desexarvos un feliz e próspero 2014, que veña cargadiño de saúde, felicidade e tamén bos manxares, claro. Pese a que estes tempos en que vivimos son complicados para moitas persoas,  cómpre termos ilusión porque entre tod@s lograremos que melloren. 

Feliz Aninovo e moitas grazas por lernos! Lémonos no 2014 con novas receitas!! 


4 comentarios:

  1. Perfecta!Para a proxima farei asi n lugar dos profiterois soos! Xa che contarei :)

    ResponderEliminar
  2. Perfecta!Para a proxima farei asi n lugar dos profiterois soos! Xa che contarei :)

    ResponderEliminar
  3. Perfecta!Para a proxima farei asi n lugar dos profiterois soos! Xa che contarei :)

    ResponderEliminar