domingo, 7 de setembro de 2014

Torta de améndoa e pexegos

Se por algo se caracteriza o verán na Mariña Luguesa, e a Galiza, é pola cantidade de festexos e celebracións. E desta volta tocoume ir de convidada ás festas de Xunqueira (barrio viveirés) polo que decidín, como non, facer a miña achega para o xantar. A premisa desta volta era facer unha torta sen chocolate así que reducimos un pouco as posibilidades. Despois dun bo cacho dándolle voltas decidín probar cunha froita nova, que ademais me coincidía ben por telos naturais, recollidos uns días antes. A devandita froita eran os pexegos, que decidimos probar cunnha masa un pouco diferente. Así demos coa idea dunha torta de améndoa con pexegos cuxos pasos tedes a seguir.

Torta de améndoa e pexegos

Ingredientes:

Para a masa crebada:
  • 225 gr de fariña
  • 150 gr de manteiga
  • 100 gr de azucre
  • 1 ovo
  • Raiadura dun limón
Para o recheo:

  • 200 gr de manteiga
  • 200 gr de azcure
  • 200 gr de améndoa moída
  • 50 gr de fariña
  • 4 ovos
  • 4 pexegos
Elaboración:

Para esta torta, o que primeiro debemos facer é a masa crebada. Para iso, temos de mesturar a fariña coa manteiga, que debe estar a temperatura ambiente, até formar unhas migas. 



De seguir, engadimos o azucre e a reladura do limón e mesturamos ben. 



A continuación, engadimos os ovo e traballamos a mestura até obter unha masa homoxénea e branda. Nós tivemos que engadir dúas culleradas de fariña debido a que nos quedou unha masa demasiado pegañenta. 


Envolvémola en papel transparente e refrixeramos, aproximadamente, durante 1 hora.


Para o recheo, temos de mesturar a manteiga co azucre. E, a continuación, engadimos os ovos. 



Agregamos a fariña e a améndoa e mesturamos ben. 





E agora temos de montar a nosa torta! Estiramos a masa crebada coa axuda do rolete e colocámola no noso molde coa axuda das mans xa que é unha masa moi fráxil. 



Sobre a masa, agregamos o recheo e os pexegos, pelados e cortados pola metade. 


Enfornamos a 200º, calor abaixo e ventilador, durante 30 minutos. Deixamos arrefríar un pouco e lista para comer! Neste caso, a torta pódese comer quente, aínda que ao día seguinte tamén está moi boa, neste caso, teríamola que gardar no frigorífico.


 Se a apariencia xa é doce, cando a probedes alcanzaredes as cotas máis altas de dozura. A verdade é que esta torta está pensada para aquelas persoas moi moi larpeiras. De feito, nótamos no sabor un enorme parecido cun produto típico de Nadal que me encanta, o mazapán. Así xa tedes unha pista de por onde vai esta torta...
Por certo, sempre me chamou moito a atención a variación da denominación desta froita. Só en Viveiro se escoitan catro formas moi similares (péxego, pexego, pesego e pésego). A verdade é que non sei como dicides polo resto do territorio galego, mais paréceme bastante curioso... (nótase a vea filolóxica, haha). O propio termo ten unha historia curiosa, ligada cos persas, mais non vos quero agora aborrecer con todo o aprendido nas miñas aulas de historia da lingua, hahaha.
Pois iso, aquí vos queda esta doce e fabulosa idea por se tedes convidad@s nalgunha festa de feche de verán. Espero que lle tiredes proveito lambisqueir@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario