Nova receita lectores e lectoras!! Hoxe imos cunha receita chegada da América e que está alcanzando moitísimo éxito nos últimos anos por Europa, a fajita mexicana, un prato xenial para saír do apuro ante calquera visita inesperada. Parece que a súa orixe está nos vaqueros mexicanos que traballan en Texas e que recibían boa parte do seu salario en carne de vaca polo que procuraron un prato en que aproveitala da mellor maneira. Sexa como for, a nosa fajita leva polo xa que esta é a forma máis común de degustala hoxe en día. Ou polo menos a que a nós máis nos gusta :-)
Fajitas mexicanas
Ingredientes (para 2 fajitas):
- 2 tortillas mexicanas
- 1 filete de peituga
- 1/2 pemento vermello
- 1/2 pemento verde
- 1/2 cebola
- 1/2 sobre de preparado para fajitas
- Aceite de oliva
- Queixo relado (opcional)
Elaboración:
Para comezar, temos que picar en xuliana (tiras finas) a peituga, os pementos e a cebola. Botamos nunha tixola dúas culleradas de aceite e engadimos a cebola. Cando abrande un pouco, agregamos os pementos.
Cando as verduras estean feitas, botamos a peituga e deixamos que se fagan. Despois, engadimos o preparado para fajitas, mesturamos ben e cociñamos a lume medio durante, aproximadamente, 7 minutos.
Mentres se remata de facer o recheo, quentamos as tortillas nunha prancha. Colocamos a tortilla no prato e botamos a metade do recheo e o queixo relado, envolvémolo con coidado e pechamos coa axuda dun escarvadentes.
E xa teríamos as fajitas listas para comer! Esperamos que vos gusten e que aproveiten!
Ola!! Nós sustituimos o preparado para fajitas por pementón (xeralmente doce pero tamén algo de picante), un pouco de sal e un chorriño de limón. Co propio aceite de facer as verduriñas e a carne queda boísimo e permite regular a cantidade de sal (que é boa parte do que levan esos sobres). Noraboa polo proxecto e un saúdo
ResponderEliminarO preparado para fajitas que usamos é caseiro, xa tedes a ligazón actualizada, antes non se podía ver, xa que estamos totalmente de acordo contigo e eses sobres teñen unha cantidade excesiva de sal e non nos custa nada facelo nós ;)!
EliminarCoa vosa opción tamén teñen que estar deliciosas, probaremos co pemento doce e picante e o limón!
Unha aperta enorme e mil grazas por pasarte!