luns, 6 de novembro de 2023

Galletas con abelás e chocolate

Bo día! Empezamos semana con forza e, para iso, queremos compartir con vós a última receita que fixemos esta fin de semana. A verdade é que estes días están sendo moi caseiros por mor do tempo que estamos tendo e, como o peque cada vez mostra máis interese pola cociña, é un bo recurso para estarmos entretidos e, de paso, facermos unha lambonada. A verdade é que estas galletas quedan deliciosas. Partimos dunha base sinxela mais ao engadirlle as abelás, o chocolate e a decoración coas boliñas de cores resultan espectaculares. Así que aquí vos deixamos a receita. 


Galletas con abelás e chocolate


Ingredientes: 

  • 250 g de fariña 
  • 150 g de manteiga 
  • 100 g de azucre 
  • 100 g de panela        
  • 1 cullerada de vainilla
  • 1/2 culleriña de bicarbonato 
  • 1 ovo 
  • 80 g de abelás 
  • 80 g de chocolate 
  • Boliñas de chocolate de cores 


Utensilios: unha cunca, un batedor (eléctrico ou manual), unha bandexa de forno con papel vexetal e papel transparente. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a manteiga, que debe estar a temperatura ambiente, co azucre e a panela. 



De seguir, engadimos o ovo.



Cando este estea integrado, agregamos a fariña xunto co bicarbonato, mellor se están peneirados, aínda que non sería fundamental.


Botamos a vainilla, as abelás e o chocolate, ben picados. Envolvemos co papel transparente e refrixeramos 45 minutos-1 hora, cando vexamos que a masa está duriña.


Pasado ese tempo, facemos bolas coas mans e aplanamos. É importante que a masa estea ben refrixerada para que as galletas aguanten mellor a forma no forno. 



Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 12 minutos. Ao sacar, colocamos as boliñas de cores e deixamos arrefríar o tempo que aguantedes co olor.



E xa estarían listas para comer! Agardamos que vos gusten e que as fagades nestes días de chuvia. 



Como vedes, unha auténtica delicia. Agora mesmo estamos nunha época de transición antes de empezarmos coas receitas natalicias, das cales temos moitas ganas xa, mais imos intentar resistirnos un par de semanas máis, conseguirémolo? 


Pois iso, bolboreteirxs, oxalá vos encanten estas galletas e as poñades en prácticas. Se é así, contádenos! Aperta fortísima e feliz inicio de semana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario