luns, 18 de setembro de 2023

Torta "Happy Hippo"

Bo día, bolboreteirxs!Hoxe volvemos con novas ideas despois duns meses de descanso, e volvemos cunha receita TOP, a torta que fixemos para o 4ª aniversario de Xiao. O noso peque, ao contrario que nós, aínda non é moi lambón, mais estas barriñas encántanlle polo que intentamos recrealas en forma de torta. É unha torta sinxela, só temos que ter unha pouca de paciencia cos tempos. Aquí vos queda o paso a paso. 


Torta "Happy Hippo"



Ingredientes (para un molde de 26 cm): 

Para a base: 

  • 300 g de galletas, tipo oblea 
  • 50 g de manteiga 

Para a primeira capa: 

  • 250 g de chocolate con leite 
  • 420 ml de nata 
  • 420 ml de leite 
  • 1 sobre e medio de callada 
  • Unha presa de abelás trituradas 
Para a segunda capa: 

  • 250 g de chocolate branco 
  • 420 ml de nata 
  • 420 ml de leite 
  • 1 sobre e medio de callada 
  • Unha presa de abelás trituradas 
Para a decoración: 

  • Chocolate branco relado 
  • Barriñas Happy Hippo 
Utensilios: un molde, papel vexetal, un cazo, unha espátula, unha culler e un cullerón.


Elaboración:


Para comezarmos, temos que preparar a base da torta. Para iso, trituramos as galletas e mesturámolas coa manteiga derretida. Facemos unha masa e poñémola no fondo no molde. Refrixeramos. 


A continuación, temos de diluír a callada no leite e botámolo nun cazo xunto coa nata e o chocolate troceado. 


Deixamos cociñar até que a crema sexa homoxénea e engadimos as abelás. 


Botamos no molde sobre a galletas e deixamos que calle ben, aproximadamente 25-30 minutos. 
Pasado ese tempo, repetimos a mesma operación co chocolate con leite e, cando estea listo, botámolo sobre a crema de chocolate branco. Axudádevos dun cullerón para que caia de forma máis suave. Refrixeramos. 

   

Pasadas 4-5 horas, ou incluso unha noite enteira, decoramos co chocolate relado e as barriñas. 


E xa estaría lista para comer!


Agardamos que vos guste e que poñades esta receita en práctica. 




Como vedes, aínda que ten varios pasos, é unha receita sinxela, bastante semellante á torta de 3 chocolates. Xa vos avisamos que é unha torta que rinde moito, vanvos dar moitas racións porque é para repartir pequenas porcións, a non ser que sexades moi lambóns/lambonas. 
A nosa volta a Bolboretas no bandullo é unha receita moi doce. Porén, xa temos preparadas varias saudábeis e xa estamos argallando pratos outonais e para o Samaín. Aperta forte, bolboreteirxs! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario