Amosando publicacións coa etiqueta verdura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta verdura. Amosar todas as publicacións

xoves, 3 de abril de 2025

Ñoquis con pesto de espinacas e améndoas

 Bo día de xoves! Que tal, bolboreteirxs? Aquí estamos cunha nova receita deliciosa para compartirvos. Desta volta, fixemos unha salsa pesto para acompañarmos uns ñoquis. Xa vos dixemos hai uns días que nos encantan estas boliñas de pataca e, como vedes, son moi versátiles xa que quedan ben case con calquera salsa ou prato (Ñoquis caseiros en salsa de tomate e queixo ou Ñoquis crocantes). 

Desta volta, decidimos facer unha salsa pesto cunhas espinacas que xa era hora de consumir e unhas améndoas torradas que tamén tiñamos na despensa e quedou espectacular. Nós adoramos este tipo de receitas de aproveitamento, abrimos o frigorífico e a despensa e creamos un novo prato cos ingredientes que xa temos e que é hora de preparar, antes de facermos unha nova compra, así que esoeramos que a vós tamén vos guste. 

Ñoquis con pesto de espinacas e améndoas


Ingredientes:


  • Ñoquis 
  • 250 g de espinacas
  • 50-60 g de améndoas
  • 50-60 g de parmesano (ou outro que vos guste)     
  • 2 dentes de allo

xoves, 27 de febreiro de 2025

Empandilla de polo rechea

Bo día, bolboreteirxs! Que tal estades? 
Estamos aquí un xoves máis cunha nova receita. Esta vez presentámosvos unha forma bastante orixinal de facer empanadillas, xa que en lugar de usar masa imos usar o propio polo! Esta receita estivo viralizada en TikTok e non nos puidemos resistir a non probala. Nós propoñémosvos un recheo, moi sinxelo e saudábel, mais podedes xogar coa vosa imaxinación, ou cos ingredientes que teñades no frigorífico! 

Aquí vos deixamos a receita: 


Empanadilla de polo rechea



Ingredientes: 

  • 2 peitugas de polo
  • 1 tomate
  • Queixo        
  • Espinacas
  • Parmesano en po

xoves, 13 de febreiro de 2025

Focaccia

Bo día, bolboreteirxs! Como vai a semana? Xa tedes preparado o Entroido? Nós estamos desexando que cheguen eses días xa que imos facer unha ruta por Laza, Maceda... Ademais, de que as lambonadas de Entroido son as mellores, non? Para nós, se hai filloas, ou roscas, ou orellas, ou bica de Laza... xa somos felices!  

Mais mentres esperamos que cheguen eses días, traémosvos unha receita moi moi saborosa, unha focaccia! Hai xa moitos anos vos compartiramos outra versión da mesma. Porén, quixemos darlle outra volta e probar unha nova receita. Esta é moito máis grosa e máis tenra, a outra quedaba máis fina e era máis crocante. Ademais, decidimos probar outra forma de aromatizala e gustounos moito o resultado.

O truco desta masa é a forma e os tempos de amasala! Mais, aínda así, como ides ver, é moi sinxela: 



Focaccia 


Ingredientes:

  • 800 g de fariña de forza
  • 580 ml de auga
  • 10 g de sal
  • 3 g de lévedo seco de panadaría (ou 9 g do fresco)    
  • AOVE
Para aromatizar (e decorar):
  • Alfábega fresca
  • Tomatiños cereixa

martes, 11 de xuño de 2024

Ensalada de garavanzos crocantes

Bo día, bolboreteirxs! Despois duns cantos días sen publicarvos receitas, aquí estamos con esta deliciosa ensalada, ideal para esta tempada estival e perfecta para levarmos á praia ou de paseo.
O ingrediente principal son os garavanzos, que nos decimos combinar cos seguintes productos. Porén, xa sabedes podedes usar a combinación que máis vos guste deixando voar a vosa creatividade. 





Ensalada de garavanzos crocantes



Ingredientes:


  • Para os garavanzos: 
    • Unha cullerada de allo en po 
    • Unha cullerada de cebola en po 
    • Unha cullerada de coantro         
    • Unha cullerada de ourego 

xoves, 11 de abril de 2024

Tacos de polo ao curry

Hai uns días os nosos amigxs de Quinteiro doce, dos que somos fans desde hai ben tempo, ensináronnos as súas especias de Quinteiro 13, na que teñen unha gran variedade e sobre todo, unha pintaza incríbel. Propuxéronnos escoller algunhas para traballar con elas e non foi tarefa doada. O noso propósito finalmente foi elaborar unha receita salgada e unha doce e hoxe ímosvos presentar a primeira.



Tacos de polo ao curry





Ingredientes: 

  • Tortillas de millo pequenas
  • 1 aguacate 🥑 
  • 1 lima    

Para o polo ao curry: 
  • 1 peituga de polo
  • 1 bote de leite de coco
  • 1 cullerada de curry de Quinteiro 13
  • 2 dentes de allo 🧄

martes, 9 de abril de 2024

Pastel invertido de berenxena

Bo día, bolboreteirxs. Como vai a semana? Nós estamos moi ben, preparando unha viaxe moi especial que faremos a próxima semana 🤭! Hoxe traémosvos unha receita deliciosa e moi moi vistosa. O outro día vímola por Instagram e decidimos adaptala segundo os nosos gustos e os ingredientes que tiñamos na casa. É que sorpresa cando a probamos, vai ser un prato recurrente no noso menú e unha nova forma de comer berenxenas, unha verdura que nos encanta. Aquí vai a receita: 

Pastel invertido de berenxena



Ingredientes: 

  • 1 lámina de masa crebada
  • 1 berenxena 🍆    
  • 1/2 cebola 🧅 
  • 1 anaco de queixo feita 
  • Unha presada de pistachos
  • 1 cullerada de pasta de curry

venres, 29 de setembro de 2023

Nachos con carne

Hoxe traémosvos unha nova idea para pór en práctica esta fin de semana. Na casa, todos adoramos os nachos con carne, que deben levar, tamén, bastante queixo. Esta é unha receita que podemos adaptar ao noso gusto, incorporando ingredientes segundo as nosas preferencias, ou o que teñamos no refrixerador. Despois de probar con varias combinacións, esta é a nosa preferida. 


Nachos con carne



Ingredientes: 


Para a carne: 

  • 250 g de carne picada 
  • 250 g de tomate triturado 
  • 1 cebola 
  • 1 cenoria 
  • 1/2 pemento verde 
  • 1 cullerada de tomate concentrado          
  • 1 pastilla de caldo de carne 
  • Auga 

domingo, 12 de decembro de 2021

Alcachofas con xamón

Boa noite, bolboreteir@s!! Xa vén o Nadal enriba e algún xa leva a pretempada moi adiantada coas enchentas e as lambetadas. Pois ben, como sabedes, este mes é complicado para comer e vai haber días que mesmo dubidemos se nos compensa preparar a comida e non subsistir coa enchenta da cea/xantar anterior. Pois ben, cremos que un prato como o que aquí hoxe presentamos, que cumpre con moitos requisitos, rápido-saudábel-sinxelo pode encaixar moi ben para as vosas ideas destas semanas. 

Estamos a falar dunha combinación bastante clásica e que en moitas casas xa coñecederedes, xa for así ou con outro tipo de verdura-legume tipo xudías, chícharos... Mais a verdade é que un pouquiño de xamonciño encaixa ben con case todo. Aquí unha proba ben satisfactoria. 


Alcachofas con xamón





Ingredientes:

  • 1 bote de alcachofas
  • Xamón ben picadiño
  • 1 dente de allo

martes, 25 de maio de 2021

Croqueta de espárragos (e un toque de queixo)

 Bo día, bolboreteir@s! Estarán as croquetas no top-5 de alimentos máis consumidos en bares e restaurantes da Península? Gustaríanos coñecer estatísticas que mostrasen que alimentos concretos son os máis solicitades polos galegos e galegas. Si é certo que algo encontramos na rede mais referido a menús do día, alimentación xaponesa, mediterránea e demais. No tocante a pratos concretos nós estamos convencidos de que as croquetas teñen que estar moi arriba. Están nunha cheísima de cartas. Canto menos na Galiza fixádevos e encontraredes mil e unha variantes da croqueta en restaurantes de moi diferente nivel. Está claro que é porque teñen moitísima saída. Nós canto menos dámoslla.

E non só fóra. Na casa adoramos probar croquetas novas, do que sexa. Desta volta, sobraban espárragos (logo ían pasar mal) e non houbo moito que pensar. Iso si, optamos por darlle cremosidade co ingrediente estrela: queixiño!!!!





Croquetas de espárragos (e un toque de queixo)



Ingredientes:

  • 500 ml de leite
  • 150 g de fariña
  • 75 g de manteiga       
  • 150-200 g de espárragos
  • 50 g de queixo
  • Noz moscada
  • Pementa moída

sábado, 15 de febreiro de 2020

Tacos de coliflor

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Aquí andamos algo enleados ultimamente entre peque, exames e mudanzas pero tentamos seguir deixando canto menos un oco para a creación dunha receita nova a compartir con vós.
Desta volta, collemos unha idea da revista Lecturas Cocina que nos conquistou e que sabiamos que ía ser un acerto. Aínda que non contabamos que tanto. Nós gustamos moito deste tipo de pratos "de man" mais aquí utilizamos produtos nunca antes probados neles.
É certo que nos gustou tanto que como nos sobrou recheo, acabamos por comelo directamente, sen taco nin nada. Agora, é a vosa quenda!





Tacos de coliflor


Ingredientes:


  • Arroz blanco
  • 1/2 coliflor
  • 1 cenoria
  • 2-3 follas de leituga
  • Tortillas de millo para tacos
  • Pementa moída

martes, 13 de agosto de 2019

Filloas de espinacas recheas

Boas, bolboreteir@s! Filloas en agosto? por favor, non vos asustedes que non imos mostrar a nosa obsesión coa repostaría de Entroido nestes días, mais vimos sempre reivindicando o papel das filloas salgadas para a configuración de receitas exquisitas, nun chanzo superior a aquelas receitas nas que se utilizan pans como tortitas e demais.
Desta volta escollemos unha filloas moi coloridas grazas a esta verdura que asociamos tradicionalmente a aquel querido Popeye da nosa infancia. Ademais, é unha das nosas verduras de referencia para o cociñado debido ao seu sabor suave e á adaptabilidade que ofrecen. Desta volta, aparecen tamén con esa suavidade que se deixa levar por un recheo clásico, dos que non fallan. Aí vai!




Filloas de espinacas recheas



Ingredientes:


Para as filloas:
  • 250 g de espinacas
  • 100 g de fariña integral
  • 5 culleradas de leite
  • 1 iogur natural
  • 1 ovo
  • Noz moscada

sábado, 25 de maio de 2019

Biscoito de cenoria saudábel

Bo día, bolboreteir@s! Non vos asustedes, a palabra saudábel está comezando a ganar moito espazo no noso blogue mais non por iso renunciamos ao doce eh! Co larpeir@s que nós somos...
Ben, pois hoxe erguímonos con ganas de argallar na cociña e, previo paso polo super, preparamos unha lambonada idónea para almorzo, sobremesa ou merenda.
Non sei se xa vos contamos algunha vez a paixón que sentimos polas carrot cake. Ben, isto non chega a esas cotas de dozura mais criamos que a cenoria tiña que ser a protagonista desta fin de semana... et voilà!
Se sodes dos que os biscoitos forman parte xa da vosa familia, ollade a idea para ampliar o rexistro. Aí vai.




Biscoito de cenoria saudábel


Ingredientes:

  • 300 g de cenoria
  • 150 g de fariña integral/avea
  • 4 ovos
  • 2 culleradas de aceite
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 culleriña de canela

martes, 30 de abril de 2019

Sanxacobe de berenxena

Bo día, bolboreteir@s! Como vos vai este peche de abril. Agardamos que o mellor posíbel mais sexa como for vimos aquí pórlle aínda máis sabor. Ultimamente andamos probando e argallando coas verduras e estamos alucinados con esta última creación que vos presentamos. O sanxacobe máis diferente que xamais probamos e ollo, poda que un dos máis saborosos. Tamén é certo que aquí non vos somos grandes seguidores dos tradicionais sanxacobes. Aborrecémolos no pasado. Mais isto resulta moito máis lixeiro e para nós máis apetecíbel tamén grazas á combinación de queixo e verdura.  Outra para anotar para @s que non sodes moi fans das verduras e procurades alternativas para as degustar. Imos alá!




Sanxacobe de berenxena


Ingredientes:

  • Berenxenas
  • Espinacas
  • Pavo
  • Queixo
  • Pementa moída

martes, 23 de abril de 2019

Petiscos de coliflor

Boas, bolboreteir@s! Como estades? Con fame? Por aquí xa solventamos o apetito grazas a esta nova receita. E de onde sacamos a idea? Pois da viaxe que fixemos esta última semana por Tenerife. Descubrimos unha chea de propostas gastronómicas e recrearemos algunhas delas pois cremos que vos poden resultar interesantes.
A primeira destas ideas que aquí traemos ten unha verdura como protagonista, ofrecendo unha opción para a comer ben diferente. Ademais, gustamos moito deste tipo de ideas para @s peques, que en ocasións son reacios a papar certos alimentos de maneira directa e que acaban namorando deses mesmos produtos unha vez se lles dá unha volta.
A nós canto menos, estes petiscos xa nos conquistaron!




Petiscos de coliflor


Ingredientes:


  • 1 coliflor
  • 3 ovos
  • Fariña
  • Curry
  • Allo en po
  • Pementa moída

martes, 19 de marzo de 2019

Cuscús de coliflor

Bo día, bolboreteir@s!! Seguimos adiante? Pois veña, preparádevos que imos cunha receita que resulta difícil expresar en palabras para concretar o sabor achegado.
Ultimamente, por diferentes cuestións, andamos ollando con máis atención a alimentación infantil e nesta liña resulta fundamental a creatividade, achegando así alimentos ás veces non moi do seu gusto mais que poden ser agradábeis doutra forma. Temos que procurar maneira de non ter que renunciar ás propiedades beneficiosas de certos alimentos, neste caso a coliflor. 
A nós mesmos non nos gustaba moito e non fomos quen de comela até adultos. Mais claro, se tivésemos probado pratos orixinais coma estes en textura e sabor, seguramente falásemos doutra cousa.
Ollade como facer un cuscús dunha verdura e lograrmos un prato altamente saudábel. Aí vai!


Cuscús de coliflor


Ingredientes:


  • 1 coliflor
  • Pementa moída
  • Sal
  • Auga

Para acompañar:

Opción 1:

  • Aceite de oliva

sábado, 5 de xaneiro de 2019

Pizzárbore natalicia

Bo día, bolboreteir@s!! Feliz ano! Agardamos que a entrada de 2019 estea a ter o mellor sabor de boca posíbel para vós. E senón, aquí imos tentar facer unha achega para saborearmos este sábado véspera de Reis.
Onte estabamos a comer coa tv posta, e casualmente era o programa de cociña dos irmáns Torres, emitido na TVE. Non o adoitamos seguir moito mais chamounos a atención a receita que estaban a crear e pensamos que podía ser acertada para estes días, antes de deixarmos atrás definitivamente o Nadal. Inspirámonos principalmente no formato, unha pizza con foma de árbore que queda moi fermosa e apetecíbel para estes últimos menús festivos. 
Ficaba por pensar no recheo e no sabor, mais xa imaxinabamos que resultaría sinxelo. Optar por un clásico e dedicámonos a desfrutar dunha versión ben curiosa dun clásico italiano. Che saporito!




Pizzárbore natalicia


Ingredientes:

  • Masa de pizza
  • 300 g de carne picada
  • 2-3 pementos asados
  • 1 cebola
  • 1 cenoria
  • 2 dentes de allo
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal
  • Queixo ao gusto
  • 1 ovo
Salsa para acompañar:
  • 250 g de salsa de tomate
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída

sábado, 14 de xullo de 2018

Falafel de lentellas e quinoa

Bo día, bolboreteir@s! Por Viveiro estamos con moito rock e metal co Resurrection Fest aínda que nós só temos ollos para as opos de momento. Así que o que realmente nos fai resucitar son pratos como o que hoxe presentamos, con propiedades múltiplas e unha chea de sabor.
Xa sabemos que sodes moitos os amigos e amigas do falafel, mais talvez non experimentastes nunca con variantes do mesmo. Segue a ser un prato vegano, claro, mais cambiando practicamente boa parte dos ingredientes e dando o protagonismo dos garavanzos a outro legume: as lentellas, tan adoradas por moitos de nós.
Ides ver ademais que non ten apenas complicación sexades mellores ou peores cociñeir@s. 
Xa sabedes, se queredes sorprender, velaquí tedes un prato ben gustoso! 



Falafel de lentellas e quinoa


Ingredientes:

  • 400 g de lentellas cocidas
  • 150 g de cenoria relada
  • 100 g de copos de quinoa
  • 1 cebola relada
  • Coantro ao gusto
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

martes, 3 de xullo de 2018

Bolboreteando con... Lois Pérez

Foto de Alba Díaz
Día especial o de hoxe para nós e para vós pois contamos coa oportunidade de lermos e sabermos máis dunha das voces máis renovadoras da lírica galega. O de renovador é un adxectivo, xa un tanto tópico, do que se bota man para catalogar practicamente todas as novas voces da literatura mais o caso de Lois vai ao sema principal do termo pois está a abrir novas vías con cada un dos seus textos e
tamén das súas actuacións (si, as súas presentacións son realmente actuacións).
Lois Pérez naceu en Lugo no 1979 e Lugo acompañarao como sinal de identidade até os nosos días. Xa desde ben novo compaxina o seu gusto polo deporte e a cultura. De feito, vaise dedicar ao fútbol sala, chegando a xogar na División de Honra, en equipos como o Porto Celeiro, na súa etapa dourada ou o Azkar Lugo. Con todo, acaba por seguir o camiño da literatura, como contador, seguindo a liña doutro lugués que dignificou o conto como Ánxel Fole e bebendo de moi diversas fontes, poéticas e musicais.
Foto de Alba Díaz
No campo dramático, gañou en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega con “Saltimbanqui”. En 2013 publicou “LP” (Emerxente), abrindo así a súa traxectoria poética que se consagra en 2017 co recente “Long Play” (Xerais).

sábado, 16 de xuño de 2018

Cogomelos ao allo

Bo día, bolboreteir@s!!! Aquí seguimos, agardando xa a chegada do verán e das vacacións e especialmente do bo tempo que parece vai chegar nos próximos días. Hoxe presentamos un destes pratos con escasa dificultade e que se converten nun recurso do máis interesante tanto como gornición como cea lixeira.
Aínda que non é época forte de cogomelos, no noso frigorífico nunca faltan e desta fixemos acopio de diferentes tipos para prepararmos unha delicia. Por certo, tarefa pendente. Aprender a recoller cogomelos. A ver se para o próximo outono... Haha.
Ollade e saboreade :-)



Cogomelos ao allo



Ingredientes:

  • 400 g de cogomelos variados
  • 3-4 dentes de allo
  • 2 culleradas de pirixel
  • 1 chile
  • Pementa moída

martes, 1 de maio de 2018

Salmorejo de amorodos

Que ben se levanta un para un día de folgar, non? Pois ben gañado o tedes, así que aproveitade para vos dar descanso e como non, para levar a cabo algunhas das receitas que tedes pendentes desde hai un tempo.
Por se non eran suficientes, hoxe traémosvos unha máis, pensada para a primavera-verán, especialmente para aqueles días de calor en que non apetece máis que algo fresco.
De seguro que todos probastes algunha vez o salmorejo,  este gaspacho típico de Córdoba e que se caracteriza por unha maior consistencia. Nós queriamos preparar unha nova versión e na rede vimos a xenial idea de Nenalinda, que collemos prestada inmediatamente.
Para perderdes moi pouco tempo e desfrutardes moito, aquí vai o salmorejo de amorodos.




Salmorejo de amorodos


Ingredientes:

  • 1 kg de tomates
  • 400 g de amorodos
  • 1 anaco de pan
  • 1 dente de allo
  • 150 ml de aceite de oliva
  • 2-3 culleradas de vinagre de sidra
  • 2-3 follas de alfábega fresca