Amosando publicacións coa etiqueta amorodos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta amorodos. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de xuño de 2024

Ensalada de garavanzos crocantes

Bo día, bolboreteirxs! Despois duns cantos días sen publicarvos receitas, aquí estamos con esta deliciosa ensalada, ideal para esta tempada estival e perfecta para levarmos á praia ou de paseo.
O ingrediente principal son os garavanzos, que nos decimos combinar cos seguintes productos. Porén, xa sabedes podedes usar a combinación que máis vos guste deixando voar a vosa creatividade. 





Ensalada de garavanzos crocantes



Ingredientes:


  • Para os garavanzos: 
    • Unha cullerada de allo en po 
    • Unha cullerada de cebola en po 
    • Unha cullerada de coantro         
    • Unha cullerada de ourego 

luns, 29 de maio de 2023

Lambonadas de amorodos

 Bo día, bolboreteirxs! Como vai todo? Aquí esta semana está empezando así que precisamos adozar un pouco as próximas xornadas e para iso traemos un clásico da infancia, un dos nosos favs en versión caseira. 
Só a palabra "lambetadas" xa provoca alegría pero cando dedicamos un tempo en familia a preparalas, só queda gozar do sorriso dos peques e do resultado. 
Como sempre comentamos, hai receitas que compensan máis facelas na casa e outras menos. Esta desde logo resulta, ao noso parecer moito máis sabedeira e natural desta forma.  Ademais, de que nos permite libre elección de sabor, forma... pura fantasía!





Lambonadas de amorodos


Ingredientes:

  • 150 g de amorodos
  • 100 g de azucre
  • 50 ml de auga    
  • 1 sobre de xelatina neutra

sábado, 9 de maio de 2020

Torta de tres froitas

Bo día, bolboreteir@s! Hoxe levantámonos moi lambóns así que dixemos, e por que non presentamos hoxe unha larpeirada potente?  E así foi que trouxemos esta torta de tres froitas que non deixa nada que envexar á de tres chocolates, por poñer un exemplo.
Esta creación veu dada con motivo do pasado Día da Nai, no que algunhas eramos homenaxeadas por primeira vez. Procuramos na rede ideas de tortas e vimos que a combinación das cores derivadas das froitas quedaban moi ben así que pensamos en procurar unhas ben intensas en cor para facer unha fermosa combinación. 
Aquí tedes os pasos e o resultado.



Torta de tres froitas


Ingredientes:


Para a base: 
  • 1 paquete de galletas tipo Digestive
  • 2-3 culleradas de manteiga
Para a 1ª capa: 
  • 375 g de arandos
  • 180 g de leite condensado
  • 120 ml de auga
  • 15 g de xelatina en po

domingo, 16 de xuño de 2019

Tiramisú de amorodos

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Por aquí andamos xa iniciándomos a tempada de festas. E claro, isto sempre dá para menús ben completos. Aínda que desta volta tocounos ir como convidados así que o menú non correu da nosa conta. Iso si, como celebrabamos tamén o aniversario dunha das nosas mellores amigas, decidimos levar unha sobremesa espectacularmente saborosa! Había ben tempo que non preparabamos unha torta coma esta así que gozamos a preparación e sobre todo a papatoria. Vaia festival.
Por aquí xa adoitamos degustar os tiramisú cando visitamos italianos porque representan moi ben a cociña identitaria desta terra aínda non sendo nós amantes do café. Pois desta volta decidimos preparar dita receita clásica renovada, dando o protagonismo a unha das nosas froitas favoritas, os amorodos. Velaquí esta xoia!



Tiramisú de amorodos



Ingredientes:


Para a crema:
  • 600 g de amorodos
  • 600 g de nata
  • 500 g de queixo mascarpone
  • 100 g de azucre moreno

sábado, 8 de xuño de 2019

Pudin de chocolate e froita ao microondas (saudábel)

Bo día, bolboreteir@s!! Que tal vai todo? Agardamos que teñades apetito porque traemos unha lambetada das que impulsan a preparalas e comelas, sobre todo tendo en conta que non nos vai quitar tempo. Desta forma, nós vémola ideal para almorzos diferentes, talvez de fin de semana, mais co que nos podemos afastar da rutina diaria.
Xa sabedes ademais que somos moi fans destes biscoitos de cunca que agora xa levan uns anos de moda e que chegaron coñecidos como mug cakes.
Temos feitos moitísimos e segundo lle vas collendo o truco, mellor saen. Quen lle diría ás nosas avoas que facían aqueles biscoitos como a roda dun carro con todo o seu tempo preciso que agora poderiamos preparar un biscoito en apenas cinco minutos! Pois si, aí vai!




Pudin de chocolate e froita ao microondas



Ingredientes:


  • 8 amorodos
  • 1 plátano
  • Unha presa de abelás
  • 1/2 vaso de bebida de améndoa

martes, 1 de maio de 2018

Salmorejo de amorodos

Que ben se levanta un para un día de folgar, non? Pois ben gañado o tedes, así que aproveitade para vos dar descanso e como non, para levar a cabo algunhas das receitas que tedes pendentes desde hai un tempo.
Por se non eran suficientes, hoxe traémosvos unha máis, pensada para a primavera-verán, especialmente para aqueles días de calor en que non apetece máis que algo fresco.
De seguro que todos probastes algunha vez o salmorejo,  este gaspacho típico de Córdoba e que se caracteriza por unha maior consistencia. Nós queriamos preparar unha nova versión e na rede vimos a xenial idea de Nenalinda, que collemos prestada inmediatamente.
Para perderdes moi pouco tempo e desfrutardes moito, aquí vai o salmorejo de amorodos.




Salmorejo de amorodos


Ingredientes:

  • 1 kg de tomates
  • 400 g de amorodos
  • 1 anaco de pan
  • 1 dente de allo
  • 150 ml de aceite de oliva
  • 2-3 culleradas de vinagre de sidra
  • 2-3 follas de alfábega fresca

sábado, 13 de maio de 2017

Pavlova de chocolate

Tiña que ser, tiña que ser, a primeira torta da canle de Youtube. A primeira receita do blogue, alá por finais do 2013 foi unha torta sendo este tipo de receitas nas que nos centramos nos comezos. Curiosamente, cinco meses despois de abrir a canle de receitas no Youtube aínda non subiramos ningunha co que xa sentiamos un baleiro importante. É certo que a elaboración de tortas na nosa casa está orientada ás celebracións, de aí que nestes últimos meses, ao non coincidir apenas aniversarios ou festexos, non subiramos tortas.
Ben, pois agora nesta tempada veredes como se incrementan pois tivemos algunha persoa a cumprir anos, días especiais e aproxímanse xa as moi diversas festas de primavera e verán. 
Imos pois con esta xoia da cociña oceánica. Si, nunca tan lonxe chegaramos coas receitas e iso que probamos desde Brasil, a Alemaña até chegar a Rusia ou China. Porén, esta torta que encontramos nun vello libro de cociña transportounos a este novo continente. Non se sabe moi ben o país de orixe, ou máis ben, hai unha gran discusión entre dous territorios próximos arredor da súa propiedade orixinal: Australia e Nova Zelandia. 
Iso si, antes de nos adentrarmos na historia, por aquí estabamos seguros da orixe rusa debido a ese nome tan peculiar. Claro, está ligado a unha bailarina dese mesmo país que foi honrada coa elaboración desta torta á chegada a un destes países oceánicos. De feito, na actualidade é unha das sobremesas máis consagradas na repostaría deste territorio. Non sei vós, mais nós non nos perderiamos esta vídeo-receita por nada. Aquí vos deixamos a ligazón á receita na nosa canle de Youtube.


Pavlova de chocolate


Ingredientes:


Para o merengue:
  • 6 claras de ovo
  • 300 g de azucre glas
  • 5 culleradas de cacao en po
  • 1 cullerada de vinagre
  • 1 cullerada de maicena
Para a crema de queixo:
  • 500 ml de nata
  • 250 g de mascarpone
  • 2 culleradas de azucre

sábado, 25 de febreiro de 2017

Torta de freixós

Agora que xa chegou o Entroido, presentamos a larpeirada máis doce das creadas. Esta non leva máscara nin vén disfrazada. Todo o contrario. A súa presenza xa nos permite intuír que nos debemos preparar para un goce único.
Desde Bolboretas no bandullo presentámosvos a que é, para nós, a torta máis saborosa do ano. Había tempo que non desfrutabamos tanto con cada bocado dunha sobremesa. Tivemos que resistirnos e apartar uns cantos freixós da última filloada que preparamos mais a verdade é que a resistencia no primeiro momento mereceu a pena para posteriormente alcanzarmos o paraíso culinario. Ademais, unha vez teñamos a base, os freixós, o resto virá rodado xa que apenas require traballo.
Se nalgún momento da vosa vida tedes dúbidas existenciais e non lle vedes o sentido ao voso percorrido vital, entón chegou a hora de vos pordes man á masa e cociñardes esta torta. Isto é felicidade a cada dentada.
E si, chega no momento xusto pois estamos en época de consecución repetida de filloas polo que, nunha destas, podemos aproveitar o sobrante (cousa rara que sobren freixós) e sorprendermos @s comensais. Han de ficar abraiados. Manda truco, o que dan de si as filloas!


Torta de freixós



Ingredientes:


  • 8-10 freixós
  • Crema de cacao e avelás
  • 2-3 plátanos
  • 8-9 amorodos
  • 150 g de nata
  • Unha cullerada de azucre

sábado, 28 de xaneiro de 2017

Biscoito multifroitas

Adiante coas lambetadas saudábeis, bolboreteir@s! Había tempo que non preparabamos un biscoito e esta semana entrounos ansia dun que cumprise os requisitos destas semanas sen excesos de doce nin graxas e despois de lle darmos un par de voltas pensamos que a froita tiña que ser entón a protagonista. Poderiamos concretar nunha froita aínda que iso xa o fixeramos máis veces. Desta volta queriamos facer un festival froiteiro xuntando varias desas que tanto gustamos: amorodos, plátano, pera, mazá ou mandarina. Si, imaxinade o saborosa que pode estar unha combinanción como esta. Ademais, engadimos un froito seco para lle achegar algo de crocante. Xa imaxinades, éxito seguro, e así foi. Estaba pensado para aproveitar como almorzo desta semana mais ao final non nos resistimos tampouco nalgunha merenda e nalgunha sobremesa.
Este biscoito caracterízase polo esponxoso, substancioso e lixeiro que nos ofrece. Porén, o máis sorprendente para nós está na súa mellora co paso dos días. En lugar de resecarse como sucede con algún outro doce, este vai adquirindo máis sabor, probabelmente polo rastro que van deixando no seu interior as froitas. Fixémolo o martes, o venres comimos os últimos anacos e estaban irresistíbeis. Así que... xa sabedes, se procurades un biscoito non demasiado calórico, saboroso e que resista uns cantos días, tedes que gardar esta opción si ou si.


Biscoito multifroitas


Ingredientes:

  • 300 g de fariña integral
  • 100 g de panela (ou azucre moreno)
  • 100 ml de aceite de oliva virxe
  • 1/2 vaso de leite (opcional)
  • 2 ovos
  • 1 plátano
  • 1 mandarina
  • 3-4 amorodos

sábado, 8 de agosto de 2015

Tortaleta de chocolate branco e amorodos

Dixémosvos que vos traeríamos a continuación da base que presentamos o martes, e xa vedes o pouco que tardamos. Mais é que nos levaba a vida mostrarvos unha larpeirada coma esta en que se mesturan dous elementos que combinan á perfección, chocolate branco e amorodos. Ademais, para aqueles/as que non gusten moito do chocolate porque se lles fai demasiado doce ou aborrecido, hai que lles dicir que se animen con esta receita xa que logramos darlle un sabor suavísimo grazas á vainilla e aos propios amorodos.
Ademais esta torta é moito máis lixeira e suave ca outras, perfecta para xantares en que non sodes moitas persoas xa que veredes que se come con moita facilidade e se acabará rapidamente. Ollade que dozura!

Tortaleta de chocolate branco e amorodos

Ingredientes:
  • 1 masa crebada (receita aquí
  • 300 ml de nata
  • 180 gr de chocolate branco
  • 150 gr de amorodos
  • 3 follas de xelatina

martes, 16 de xuño de 2015

Macedonia de froitas

Por sorte parece que volven subir as temperaturas, aínda que de momento ben se soporta a calor, haha. Sexa como for, neses días estivais de moita calor, convén hidratarse moito o que non se fai simplemente bebendo auga. Por tanto a nosa alimentación tórnase clave.
Así pois, nestes meses agardamos continuar presentando varias receitas que axudan a nos sentir mellor no verán. A de hoxe é todo un clásico e de seguro que a maioría de vós a ten feito en moitas ocasións xa que non ten a menor dificultade. Porén, como calquera prato de mesturas, ofrece millóns de variantes, e difícil será encontrar dúas familias en que a macedonia se faga de xeito idéntico. É cuestión de procurar o que preferimos encontrarnos nela. Nós por exemplo gustamos de macedonias, moi completas, con moitos froitos. 
Antes de pasarmos á elaboración queriamos mencionarvos a orixe desta denominación. Xa sabedes do noso interese por cuestións lingüísticas... Ao falarmos desta sobremesa, da macedonia, sempre nos vén á cabeza ipso facto o país balcánico. Mais... terán algo que ver?  De igual modo que noutras ocasións o imaxinario popular atribúe relacións lingüísticas do máis atrevidas, desta volta si anda no certo. Non no referido á macedonia de froitas en concreto senón ao termo "macedonia" xa que se coñecen así as combinacións de diversos produtos por causa do Imperio Macedónico. Na época de Alexandro Magno (século IV a.C), tiveron cabida neste imperio diversas nacións, culturas, idiomas... que provocou que hoxe coñezamos como macedonia as combinacións de produtos diferentes, sendo a de maior sona a de froitas.
E para que vaiades abrindo apetito... aquí tedes:

Macedonia de froitas

Ingredientes (para aprox. 10 racións):
  • 5-6 laranxas
  • 2 plátanos
  • 2 kiwis
  • 2 mandarinas
  • 2 peras
  • 2 mazás
  • 10 amorodos
  • 1/2 ananás

sábado, 6 de xuño de 2015

Rocambole de amorodos e nata (brazo de xitano)

Hoxe toca sobremesa tradicional, daquelas que nunca nunca fallan e que se converten en éxito seguro en calquera celebración. A quen non lle gusta un doce coma este? Uns/unhas preferirano de chocolate e outros de amorodos, como o de hoxe, mais adoita cumprir coas expectativas. Nós facémolo con relativa frecuencia xa que na casa encanta. De feito, xa vos presentáramos outra receita, máis orientada aos chocolateiros e chocolateiras: Brazo de xitano de chocolate e nata con améndoas
Nestoutra receita tiñades explicado a teoría da curiosa orixe do nome "brazo de xitano", segundo a que foi un monxe berciano quen trouxo de Exipto este doce, denominándoo brazo "egipciano"  e acabando por evoluír popularmente na forma "xitano" que dá lugar a teorías do máis estrañas...
Na Galiza adoptamos esta forma, aínda que nós desta volta optamos pola denominación "rocambole", procedente do Brasil e que ademais nos parece do máis divertida. Igualmente o podemos chamar "bolo de rolo", tamén como en Brasil, xa que a fin de contas, estamos perante un biscoito enrolado.
Sexa a denominación que for, está boísimo e resulta do máis personalizábel. Nós desta volta preparámolo por un encargo, e claro, xa nos entraron ganas de facer un outro para nós. Xa vos contaremos de que o facemos. Mentres tanto, aquí vos queda este clásico.

Rocambole de amorodos e nata (brazo de xitano)

Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 375 gr de azucre moreno
  • 300 gr de fariña
  • 300 gr de manteiga
  • 6 ovos
  • Unha culleriña de lévedo en po
  • Unha culleriña de vainilla
  • Un chisco de sal

martes, 12 de maio de 2015

Picos froiteiros

Con estes días énos imposíbel non pensar en receitas fresquiñas e lixeiras, que alén de estar boísimas, sérvennos para depurarmos e levarmos unha alimentación equilibrada. E a receita de hoxe está tan fresca que a acabamos de facer. Erguémonos cun pouco de tempo para almorzar e con moitas ganas de froita así que pensamos nun modo de degustar diversas froitas e esta foi a que se nos ocorriu. Ademais coincidiu que tiñamos algunha na casa moi doce e axeitada para unha saborosa combinación. Aquí vos queda; comprobaredes que pouco máis sinxela pode ser, alén das múltiplas posibilidades de elaboración que vos ofrece:

Pico froiteiro

Ingredientes:
  • 1 manga
  • 1 plátano
  • 1 kiwi
  • 5-6 amorodos
  • 50 gr de chocolate branco

martes, 21 de abril de 2015

Mousse de xelatina de amorodos

Pola Coruña dá o sol con todo o ánimo proporcionado pola primavera, apetecéndonos pois algo fresquiño e lixeiro. Alén das ensaladas sempre cumpridoras, podemos aproveitar para elaborar unha sobremesa adecuada para xornadas como a de hoxe. E nesta categoría a mousse é unha das receitas máis exitosas. Esa textura faina tan especial...
Xa temos preparado mousse algunha que outra vez, porén desta volta queriamos innovar un pouco, que saíse algo diferente e vismos esta orixinal receita na páxina We lover size. Así pois incorporamos a xelatina, o que fai a textura aínda máis especial e ben curiosa, con anacos xelatinosos polo medio. E claro, o sabor, nós tiñámolo claro. Para este tipo de dozuras suaves, case sempre nos quedamos cos amorodos :-)
E se procurades sobremesas baixas en calorías... esta é ideal, e aínda así moi moi doce. Imos con ela:

Mousse de xelatina de amorodos

Ingredientes: 
  • 500 ml de auga
  • 1 sobre de xelatina ao gusto
  • 300 gr de amorodos
  • 1 iogur natural desnatado
  • Para decorar: amorodos, boliñas de azucre ou chocolate etc.

sábado, 11 de abril de 2015

Brioche de cabelo de anxo e crema de cacao

Aquí estamos unha vez máis para vos presentar unha larpeirada especial. Desde que fixemos o cabelo de anxo, estabamos con ganas de crearmos algo con que aproveitarmos este produto. E demos cunha marabillosa solución, o brioche recheo. Certo é que como esta é unha sobremesa contundente e na nosa casa hai quen non gusta moito do cabelo de anxo, decidimos partir o recheo, e dedicarmos unha metade á sempre triunfante crema de cacao. Podedes seguir esta mesma opción, escoller un dos dous recheos ou mesmo probardes con outro que vos praza. Iso si, ímosvos confesar un segredo. Para nós a opción máis fascinante para rechear o brioche, despois de probalo, é a do cabelo de anxo. Totalmente irresistíbel.
Veredes que se precisan moitos máis mais esta é unha receita ao alcance de tod@s. Se procurades unha sobremesa para un xantar ou cea de bastantes convidad@s, esta opción sorprenderá e deixará moi satisfeit@s os comensais. Aí vos vai!

Brioche de cabelo de anxo e crema de cacao


Ingredientes:
  • Para a primeira masa:
    • 140 gr de fariña de forza
    • 20 gr de lévedo fresco
    • 80 ml de auga temperada
  • Para a segunda masa:
    • 500 gr de fariña de forza
    • 90 gr de manteiga

martes, 31 de marzo de 2015

Smoothie de manga e amorodos

Un outro martes de receita, mais un martes diferente xa que boa parte da xente está de vacacións por mor da Pascua. É por iso, que vos animo a aproveitardes o tempo libre preparando algunha que outra receita das que aquí vos presentamos. A de hoxe, de feito, pouco tempo vos quitará, podédela facer mesmo para almorzar, son cinco minutiños. Sería, sen dúbida, unha forma de recargar enerxías para todo o día xa que este smoothie nos proporciona moitísimas vitaminas.
Incribelmente é a primeira vez que probamos unha manga natural. Tiñamos degustado produtos típicos como zume, iogures, ou pasteis mais nunca traballáramos con ela así que puxémonos mans á obra. De por si xa é unha froita doce e saborosísima, mais combinada con amorodos gana moitísimo. Ollade que pouco traballo para un batido tan delicioso:

Smoothie de manga e amorodos

Ingredientes (para dous smothies):
  • 1 mango
  • 10 amorodos
  • 1 vaso de leite descremado
  • Xeos

domingo, 3 de agosto de 2014

Torta mousse de amorodos

Onte estivemos de celebración xa que era o aniversario de David, o meu mozo, e por tanto tocou preparar unha nova torta, e tal e como o coñezo, sabía que tiña que ser de amorodos. E a que se me veu á cabeza desta volta era unha mousse, que xa probara a facer tempo atrás e quedara realmente boa.
Como ben sabedes, a principal característica da mousse é a súa textura, esponxosa, de feito o vocablo francés mousse significa esponxa. Esta torta, que se consagrou no sabor a chocolate, é de orixe francesa e parece que do século XIX, aínda que hai certa controversia sobre en que etapa foi e en que lugar concreto da Francia. Sexa como for, é unha torta recoñecida por ser ben diferente a outras certamente tradicionais por esa textura, e tamén por ser lixeira e fresca.

Torta mousse de amorodos

Ingredientes:

Para a base:

  • 125 gr de azucre moreno
  • 100 gr de fariña
  • 100 gr de manteiga
  • 2 ovos
  • Unha culleriña de lévedo en pó
  • Unha culleriña de vainilla
  • Un chisco de sal
Para a mousse:
  • 600 ml de nata
  • 500 gr de amorodos

domingo, 23 de marzo de 2014

Madalenas de amorodos, chocolate e abelás

Xa que os cupcakes están arrasando, imos voltar á súa orixe, que non é outra que a das madalenas, para demostrar que estas tamén poden ser moi doces e saborosas. Este alimento é todo un clásico mais creo que tamén é o grande perxudicado do boom dos cupcakes. Por iso nos puxemos mans á masa para preparar unhas ricas madalenas válidas para a merenda, sobremesa ou almorzo. O obxectivo, alén de lograr un bo sabor, era mesturar amorodos e chocolate. O resultado convenceunos totalmente! Estes produtos van moi ben xuntos. Achegan ese punto de dozura de que tanto gustamos xunto a froita, que aínda que sexa en pequenos cachiños, sempre é importante integrala na nosa alimentación. Aí van as nosas madalenas:


Madalenas de amorodos, chocolate e abelás

Ingredientes:
  • 250 gr de fariña
  • 250 gr de azucre
  • 250 ml de aceite de oliva
  • 4 ovos medianos
  • 8 gr de lévedo en pó
  • 2 culleradas de anís
  • A reladura dun limón
  • Un chisco de sal