Amosando publicacións coa etiqueta mazá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mazá. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de xuño de 2019

Solombo recheo de compota de mazá

Bo día, amig@s! O da combinación de froita e carne sempre nos chamou moito a atención porque, de primeiras, non parece sumamente lóxica mais na práctica é realmente efectiva. De feito, nas nosas casas veñen facendo desde hai moito tempo dúas receitas con mazá: polo recheo e rolo de carne con compota.
Así pois, o referente está desta volta na cociña familiar. É certo, iso si, que aquí somos ben amig@s desta froita. Dispuxemos entón preparar un prato de contraste para un menú ben apetitoso.
Antes de nada, fóra prexuízos e imos abrindo apetito.



Solombo recheo de compota de mazá


Ingredientes:

  • 1-2 solombos de porco
  • 4 mazás
  • 2 cebola
  • 3-4 dentes de allo
  • 1 vaso de viño branco
  • 1/2 vaso de salsa de soia
  • 1/2 vaso de auga
  • Aceite de oliva

martes, 4 de decembro de 2018

Strudel de mazá

Ola, bolboreteir@s!! Como vai todo?? Despois duns días de moito traballo e ledicia polo Culturgal (viva a nosa cultura!), toca continuar coa rutina blogueira. Desta volta imos tentar adozamos esta semana xa de por si curta. Optamos pois por unha sobremesa (xa había tempo!), de orixe austríaca e alemá que nunca probaramos mais xa tiñamos anotada desde hai tempo. Para nós non tiña moita intriga o resultado pois hai produtos que garanten o éxito. A combinación de follado e mazá asada vén sendo unha das nosas perdicións desde hai tempo así que só quedaba desfrutar. Se por riba o comlementamos como aquí... Vaia festa culinaria. Ñam!



Strudel de mazá



Ingredientes (para 2 unidades):


  • 2 láminas de follado
  • 4 mazás
  • Arandos deshidratados
  • Noces
  • 4-5 culleradas de azucre
  • 1 cullerada de canela

sábado, 14 de outubro de 2017

Doce de mazá

Bo día bolboreteir@s? Como vai todo? Hoxe vimos moi moi doces cun clásico da repostaría galega, unha variante do marmelo mais coa mazá como protagonista. Había tempo que o tiñamos en mente e como nestas semanas hai mazás a esgalla pola zona e nos viñeron de agasallo unhas cantas, había que lles dar saída. Biscoitos, empanadas e agora tamén doces de mazá.
Certo é que hai tempo que temos ganas de probar os propios marmelos mais cando fomos por eles non había na froitaría e despois encontrámonos con tanta mazá que xa aproveitamos.
Esta lambetada encántanos a nós e tamén aos maiores da casa, que son moi de marmelo. A verdade é que até hai uns anos tiñamos algo de reparo con esta sobremesa mais desde que probamos os caseiros... amantes. Aquí fica:


Doce de mazá


Ingredientes:


  • 1 kg de mazás
  • 700 g de azucre
  • O zume dun limón
  • Canela (opcional)

martes, 2 de maio de 2017

Torta Tatin

Seguimos co doce, amig@s! Hoxe cun clásico que a maioría coñeceredes, unha torta Tatin que ademais de ser un éxito seguro, sobre todo para @s que gustamos do sabor da mazá asada, ten unha historia ben curiosa. 
O nome parece estar relacionado directamente co Hotel Tatin, situado na localidade de Lamotte-Beuvron, en Francia. O seu dono era Jean Tatin e coa súa morte, o hotel ficou en herdanza para as súas fillas Caroline e Stéphanie, a finais do XIX. A orixe da torta parece ser que foi accidental xa que unha das irmás, ao parecer, cociñou tempo de máis as mazás, pondo finalmente por riba unha masa para non desperdicialas. Finalmente, ao dar a volta, encontráronse cunha larpeirada que acabaría por ser unha das mellores xoias da repostaría francesa. 
Hai algunha teoría diversa mais acaba por ser esta a máis difundida e que nos fai crer nunha fermosa anécdota. 
A esta delicia chámaselle tamen torta invertida pois como vedes no paso a paso imos montala ao contrario do que facemos habitualmente, deixando o que será o soporte para o final. Velaquí a tedes!



Torta Tatin


Ingredientes:


  • 1 lámina de masa crebada
  • 4 mazás
  • 100 g de azucre
  • 50 g de manteiga
  • O zume dun limón

sábado, 28 de xaneiro de 2017

Biscoito multifroitas

Adiante coas lambetadas saudábeis, bolboreteir@s! Había tempo que non preparabamos un biscoito e esta semana entrounos ansia dun que cumprise os requisitos destas semanas sen excesos de doce nin graxas e despois de lle darmos un par de voltas pensamos que a froita tiña que ser entón a protagonista. Poderiamos concretar nunha froita aínda que iso xa o fixeramos máis veces. Desta volta queriamos facer un festival froiteiro xuntando varias desas que tanto gustamos: amorodos, plátano, pera, mazá ou mandarina. Si, imaxinade o saborosa que pode estar unha combinanción como esta. Ademais, engadimos un froito seco para lle achegar algo de crocante. Xa imaxinades, éxito seguro, e así foi. Estaba pensado para aproveitar como almorzo desta semana mais ao final non nos resistimos tampouco nalgunha merenda e nalgunha sobremesa.
Este biscoito caracterízase polo esponxoso, substancioso e lixeiro que nos ofrece. Porén, o máis sorprendente para nós está na súa mellora co paso dos días. En lugar de resecarse como sucede con algún outro doce, este vai adquirindo máis sabor, probabelmente polo rastro que van deixando no seu interior as froitas. Fixémolo o martes, o venres comimos os últimos anacos e estaban irresistíbeis. Así que... xa sabedes, se procurades un biscoito non demasiado calórico, saboroso e que resista uns cantos días, tedes que gardar esta opción si ou si.


Biscoito multifroitas


Ingredientes:

  • 300 g de fariña integral
  • 100 g de panela (ou azucre moreno)
  • 100 ml de aceite de oliva virxe
  • 1/2 vaso de leite (opcional)
  • 2 ovos
  • 1 plátano
  • 1 mandarina
  • 3-4 amorodos

sábado, 2 de abril de 2016

Compota de mazá ao viño tinto

Vaia fin de semana levamos. Hoxe nova receita, onte presentación do novo deseño do blogue con logo incluído... Por certo, que vos parece. Agardamos que vos guste e que sintades axeitado para a idea das Bolboretas no bandullo. Pensamos en manter a liña cromática de até agora coa presenza dese fucsia que liga ben coa intensidade das bolboretas, e coa súa capacidade de conquistar a nosa atención.
De aquí en diante, esa será a imaxe que mostrará o blogue na páxina e tamén nas redes. 
Ademais temos outras novidades. Desde onte, xa podedes encontrar as bolboretas no Instagram, onde iremos subindo tamén as fotografías dos moi diversos pratos que elaboramos. Estamos agardando por vós ;-)
E para a próxima semana tamén coñeceredes outras novas moi mediáticas. Estade ben atent@s ;-)
E a receita que hoxe presentamos non sabemos até que punto pode resultar sorprendente para vós xa que na nosa casa ten moita tradición, e lévase facendo anos. Porén, son moitas as persoas que nunca así a probaran. Nós que xa gustamos da compota básica mais efectiva, adoramos o toque de intensidade que lle ofrece o viño tinto na cocción. Esta é unha nosa idea moi sinxela. Xa nos contades que vos parece.

Compota de mazá ao viño tinto


Ingredientes:

  • 4 mazás
  • 320 ml de viño tinto
  • 280 ml de auga
  • 6 culleradas de azucre
  • 1 rama de canela

martes, 16 de xuño de 2015

Macedonia de froitas

Por sorte parece que volven subir as temperaturas, aínda que de momento ben se soporta a calor, haha. Sexa como for, neses días estivais de moita calor, convén hidratarse moito o que non se fai simplemente bebendo auga. Por tanto a nosa alimentación tórnase clave.
Así pois, nestes meses agardamos continuar presentando varias receitas que axudan a nos sentir mellor no verán. A de hoxe é todo un clásico e de seguro que a maioría de vós a ten feito en moitas ocasións xa que non ten a menor dificultade. Porén, como calquera prato de mesturas, ofrece millóns de variantes, e difícil será encontrar dúas familias en que a macedonia se faga de xeito idéntico. É cuestión de procurar o que preferimos encontrarnos nela. Nós por exemplo gustamos de macedonias, moi completas, con moitos froitos. 
Antes de pasarmos á elaboración queriamos mencionarvos a orixe desta denominación. Xa sabedes do noso interese por cuestións lingüísticas... Ao falarmos desta sobremesa, da macedonia, sempre nos vén á cabeza ipso facto o país balcánico. Mais... terán algo que ver?  De igual modo que noutras ocasións o imaxinario popular atribúe relacións lingüísticas do máis atrevidas, desta volta si anda no certo. Non no referido á macedonia de froitas en concreto senón ao termo "macedonia" xa que se coñecen así as combinacións de diversos produtos por causa do Imperio Macedónico. Na época de Alexandro Magno (século IV a.C), tiveron cabida neste imperio diversas nacións, culturas, idiomas... que provocou que hoxe coñezamos como macedonia as combinacións de produtos diferentes, sendo a de maior sona a de froitas.
E para que vaiades abrindo apetito... aquí tedes:

Macedonia de froitas

Ingredientes (para aprox. 10 racións):
  • 5-6 laranxas
  • 2 plátanos
  • 2 kiwis
  • 2 mandarinas
  • 2 peras
  • 2 mazás
  • 10 amorodos
  • 1/2 ananás

sábado, 21 de febreiro de 2015

Biscoitiños de cenoria e mazá

Como vai lectores/as? Xa recuperastes do Entroido e das súas larpeiradas?? Por aquí aínda andamos hoxe despedíndonos dos freixós :'( Aínda que vexo difícil agardarmos até o ano que vén por eles, algún día teremos que facer unha homenaxe ao Entroido aínda en datas distantes :-) Por certo, podedes botarlle un ollo ao artigo que escribimos para o xornal Sermos Galiza sobre esta larpeirada entroideira e o seu peso na gastronomía e cultura galega (Artigo Sermos) .
Con todo, as larpeiradas nós nunca as deixamos de lado. Esta semana queriamos facer un doce máis suaviño despois de todo o manducado estes días. Pensamos así nun biscoitiño fresco e lixeiro e no que integrarmos dous produtos que lle dan un sabor... impresionante!
Iso si, a modo de estratexia fixémolos cuns moldes de madalenas porque así talvez é máis sinxelo controlarse á hora de comer as porcións. Porque se o facemos o tamaño tradicional do biscoito arriscámonos a cortar cachos enormes deixándonos levar polo apetito dos ollos. E agora toca controlar un pouco e non exceder, haha. Aí vos vai: 

Biscoitiños de cenoria e mazá

Ingredientes:
  • 150 gr de fariña
  • 50 gr de manteiga
  • 30 gr de azucre
  • 4 cenorias
  • 2 ovos
  • 1 mazá
  • 1/2 vaso de leite descremado
  • 1/2 sobre de lévedo en po

martes, 17 de febreiro de 2015

Polo con mazá

Por fin martes de Entroido aínda que nos entristecemos porque xa vai morrendo, xa está próximo o Enterro da sardiña... Con todo, de comer nunca paramos, que ben sabedes o lambóns que somos. Entre tantas dozuras que estamos a degustar estes días (non sei cantos freixós paparíamos onte...XD) tamén hai lugar para carnes, pescados, sopas... É por esta razón pola que hoxe vos imos presentar unha receita de polo, unha das nosas carnes preferidas para o noso bandullo e tamén para o noso peto, que seguramente non coñezades.
A verdade, esta é unha receita tradicional na nosa casa, vena facendo miña nai xa hai ben tempo e nós sempre devecemos por ela. Con todo, nalgún momento nos había ter que tocar a nós facela. E a transición na cociña foi óptima, todo saíu á perfección e o pito quedou tenro e coa humidade do mollo da mazá que fai este prato exquisito.
Talvez algúns e algunhas nunca vos pensarades nunha combinación como esta, xa que digamos que non é do máis común. Porén, os dous elementos fusiónanse á perfección xa que a mazá, ao se asar, ofrece un sabor doce ao polo moi interesante e crea unha salsa riquísima. Coidamos que vos ha de gustar.

Polo con mazá

Ingredientes
  • 1 polo enteiro
  • 4-5 mazás
  • 1 vaso viño branco
  • 1 vaso de auga
  • 1/2 vaso de aceite
  • Allo en po

domingo, 31 de agosto de 2014

Torta de mazá

E despois destes días de descanso que collemos con motivo da Romaría do Bo Xantar, era necesario regresar cunha receita das que garanten o éxito e das que máis éxito ten na nosa casa: a torta de mazá. Realmente é todo un clásico que podemos encontrar na maioría das pastelarías da Galiza e que ten moi boa acollida por ese agradábel e doce sabor da mazá asada que tanto xogo nos dá para outras receitas como a propia empanada de mazá.
Non está moi clara a súa orixe, mais a verdade é que na actualidade converteuse nun dos símbolos da gastronomía inglesa e estadounidense. Sexa como for, é unha torta de moitas variantes e que dependen do lugar de creación.



Torta de mazá

Ingredientes:
  • 1 lámina de follado
  • 4 mazás
  • 1/2 vaso de leite
  • 1/2 vaso de nata
  • 1/2 vaso de azucre, máis extra para espolvorear
  • 1 ovos
  • 4 culleradas de marmelada

venres, 18 de xullo de 2014

Empanada de mazá

Aquí estamos cunha nova receita despois duns días de certa inactividade. E imos cunha receita moi galega e tamén moi recorrente xa que serve de entrante, sobremesa, merenda ou mesmo almorzo, vai un pouco no gusto de cada un/unha aínda que nós optamos normalmente por comer un pouquiño desta saborosa empanada despois do xantar ou da cea. Como vedes, é unha empanada ben diferente ás que coñecemos de bonito, carne, xamón e queixo... máis que nada porque esta é doce, perfecta para @s máis larpeir@s! Aí vos vai.


Empanada de mazá

Ingredientes:
  • Masa para empanada (aquí)
  • 2 mazás grandes
  • Azucre ao gusto
  • Canela ao gusto
  • 1 ovo batido

mércores, 21 de maio de 2014

Torta de froitas

A de hoxe é unha torta, mais un pouco diferente xa que a pesar de ser moi moi saborosa é un pouco máis saudábel xa que está constituída a base de froitas. Talvez este sexa unha das melloras sobremesas para o verán, xa que nos axuda a refrescar, e actúa de complemento perfecto para un xantar ou cea lixeira.
Iso si, prestade atención a cantos sodes para comer, xa que esta torta, polas súas características, dura moi pouco. Os comensais van repetir xa que non farta nada e apetece moitísimo.

Torta de froitas

Ingredientes:

Para la masa:
  • 175 gr de fariña
  • 90 gr de manteiga
  • 90 gr de azucre
  • 4 ovos
  • Unha culleriña de esencia de vainilla
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • Crema pasteleira (receita aquí)
  • 1 mazá
  • 2 kiwis
  • 1 laranxa

martes, 4 de febreiro de 2014

Smoothie

De novo, presentámosvos unha receita fugaz. Un batido de froitas e verduras moi saudábel e nutritivo, perfecto para tomar a media mañá, á merenda ou mesmo como acompañante do almorzo.
Nunha dieta equilibrada debemos tomar, polo menos, 5 pezas de froita e verdura ao día, e moitas veces faise complexo por moitos motivos, por iso, estas bebidas se converten nunha solución posto que mesturamos nun batido todos eses elementos. Ademais son perfectos para @s pequen@s da casa debido a que, en moitas ocasións, cústalles comer este tipo de alimentos e así o farán ledamente.
Aquí propóñovos este smoothie en concreto, mais cadaquén pode escoller os ingredientes que máis lle gusten (froitas vermellas, pera, plátano, iogur, leite...). E se vos pracen este tipo de receitas, non dubidedes en dicilo, para mostrarvos máis exemplos destes fantásticos batidos que nos encantan. Coméntadenos as vosas suxerencias!!

Smoothie

Ingredientes:
  • O zume de 2 laranxas e unha mandarina.
  • 1 cenoria
  • 1 mazá
  • 100 gr de espinacas frescas
  • Xeo, opcional