sábado, 28 de xaneiro de 2017

Biscoito multifroitas

Adiante coas lambetadas saudábeis, bolboreteir@s! Había tempo que non preparabamos un biscoito e esta semana entrounos ansia dun que cumprise os requisitos destas semanas sen excesos de doce nin graxas e despois de lle darmos un par de voltas pensamos que a froita tiña que ser entón a protagonista. Poderiamos concretar nunha froita aínda que iso xa o fixeramos máis veces. Desta volta queriamos facer un festival froiteiro xuntando varias desas que tanto gustamos: amorodos, plátano, pera, mazá ou mandarina. Si, imaxinade o saborosa que pode estar unha combinanción como esta. Ademais, engadimos un froito seco para lle achegar algo de crocante. Xa imaxinades, éxito seguro, e así foi. Estaba pensado para aproveitar como almorzo desta semana mais ao final non nos resistimos tampouco nalgunha merenda e nalgunha sobremesa.
Este biscoito caracterízase polo esponxoso, substancioso e lixeiro que nos ofrece. Porén, o máis sorprendente para nós está na súa mellora co paso dos días. En lugar de resecarse como sucede con algún outro doce, este vai adquirindo máis sabor, probabelmente polo rastro que van deixando no seu interior as froitas. Fixémolo o martes, o venres comimos os últimos anacos e estaban irresistíbeis. Así que... xa sabedes, se procurades un biscoito non demasiado calórico, saboroso e que resista uns cantos días, tedes que gardar esta opción si ou si.


Biscoito multifroitas


Ingredientes:

  • 300 g de fariña integral
  • 100 g de panela (ou azucre moreno)
  • 100 ml de aceite de oliva virxe
  • 1/2 vaso de leite (opcional)
  • 2 ovos
  • 1 plátano
  • 1 mandarina
  • 3-4 amorodos
  • 1/2 pera
  • 1/2 mazá
  • Unhas abelás

Utensilios: unha cunca, un batedor manual, unha espátula e un molde. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a panela (ou azucre moreno) e o aceite . 


De seguir, engadimos os ovos.  Mesturamos ben.


Agregamos as froitas e as abelás e integrámolas ben na mestura. 


Engadimos, pouco a pouco, a fariña e o lévedo e mesturámola coa axuda dunha espátula. Se vedes que a masa queda moi dura, engadide un pouco de leite, nós tivémolo que facer. 


Botamos a mestura no molde.



Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 1 hora. Se vedes que se está torrando moito a parte superior, tedes que tapalo cun pouco papel de aluminio. Pasado ese tempo, picamos o biscoito e se o pau sae limpo, está feito, senón, deixádeo 5 minutos máis. Deixamos que se atempere, desmoldamos.


E xa estaría preparado para comer! Agardamos que vos guste!


Nós xa incluímos a receita de hoxe entre as recorrentes pois habemos de acudir a ela con frecuencia. Non perdimos apenas tempo en facelo e deunos para uns almorzos do máis completos, acompañándoo dun zume. E tamén, non sendo exactamente estas froitas, pode servir para lles dar saída a aquelas que comezan a madurecer.
Non sabemos vós, mais nós ficamos namorados con este delicioso biscoito. Queredes a proba? Unha forte aperta, amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario