sábado, 2 de abril de 2016

Compota de mazá ao viño tinto

Vaia fin de semana levamos. Hoxe nova receita, onte presentación do novo deseño do blogue con logo incluído... Por certo, que vos parece. Agardamos que vos guste e que sintades axeitado para a idea das Bolboretas no bandullo. Pensamos en manter a liña cromática de até agora coa presenza dese fucsia que liga ben coa intensidade das bolboretas, e coa súa capacidade de conquistar a nosa atención.
De aquí en diante, esa será a imaxe que mostrará o blogue na páxina e tamén nas redes. 
Ademais temos outras novidades. Desde onte, xa podedes encontrar as bolboretas no Instagram, onde iremos subindo tamén as fotografías dos moi diversos pratos que elaboramos. Estamos agardando por vós ;-)
E para a próxima semana tamén coñeceredes outras novas moi mediáticas. Estade ben atent@s ;-)
E a receita que hoxe presentamos non sabemos até que punto pode resultar sorprendente para vós xa que na nosa casa ten moita tradición, e lévase facendo anos. Porén, son moitas as persoas que nunca así a probaran. Nós que xa gustamos da compota básica mais efectiva, adoramos o toque de intensidade que lle ofrece o viño tinto na cocción. Esta é unha nosa idea moi sinxela. Xa nos contades que vos parece.

Compota de mazá ao viño tinto


Ingredientes:

  • 4 mazás
  • 320 ml de viño tinto
  • 280 ml de auga
  • 6 culleradas de azucre
  • 1 rama de canela
Utensilios: coitelo e cazo.



Elaboración:


Para comezarmos, temos que pór ao lume un cazo coa auga, o viño, o azucre e a canela.


Deixamos que ferva 3-4 minutos e despois engadimos a mazá, pelada e cortada en dadiños.










Poñemos a lume medio e deixamos que se cociñe durante 25-30 minutos. 


Deixamos repousar uns minutos para que espese un pouco e xa estaría lista para comer!


No caso de que a prefirades algo máis grosa, podedes deixar un pouco máis de tempo ou reducir cantidade de líquido antes. A nós gústanos que quede substanciosa e moi húmeda. E tremenda larpeirada. Aínda non sabemos como sabe mellor, quente ou fría. Entrar entra moi moi ben :-) Agardamos que teñades momento para a probar e nos comentar os resultados. Lémonos, amig@s!


1 comentario:

  1. Esta compota se ve divinisima y seguro que estaria de rexupete con el vino tinto.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar