Amosando publicacións coa etiqueta banana. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta banana. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de febreiro de 2017

Torta de freixós

Agora que xa chegou o Entroido, presentamos a larpeirada máis doce das creadas. Esta non leva máscara nin vén disfrazada. Todo o contrario. A súa presenza xa nos permite intuír que nos debemos preparar para un goce único.
Desde Bolboretas no bandullo presentámosvos a que é, para nós, a torta máis saborosa do ano. Había tempo que non desfrutabamos tanto con cada bocado dunha sobremesa. Tivemos que resistirnos e apartar uns cantos freixós da última filloada que preparamos mais a verdade é que a resistencia no primeiro momento mereceu a pena para posteriormente alcanzarmos o paraíso culinario. Ademais, unha vez teñamos a base, os freixós, o resto virá rodado xa que apenas require traballo.
Se nalgún momento da vosa vida tedes dúbidas existenciais e non lle vedes o sentido ao voso percorrido vital, entón chegou a hora de vos pordes man á masa e cociñardes esta torta. Isto é felicidade a cada dentada.
E si, chega no momento xusto pois estamos en época de consecución repetida de filloas polo que, nunha destas, podemos aproveitar o sobrante (cousa rara que sobren freixós) e sorprendermos @s comensais. Han de ficar abraiados. Manda truco, o que dan de si as filloas!


Torta de freixós



Ingredientes:


  • 8-10 freixós
  • Crema de cacao e avelás
  • 2-3 plátanos
  • 8-9 amorodos
  • 150 g de nata
  • Unha cullerada de azucre

sábado, 28 de maio de 2016

Bananenschnitte

Como xa van centos de receitas as que aquí trouxemos nestes dous anos e media, pois ás veces quédanos esquecida temporalmente algunha sección. Mais só temporalmente. Porque esta semana pasada, acordámonos das "receitas internacionais" e decidimos que era hora de a recuperar cun novo prato. Cunha larpeirada alemá que coñecín grazas a unha alumna nacida no país xermánico. Unha vez nola presentou, non o dubidamos, aínda que para comprendermos o nome... xa nos levou un pouco máis de tempo, haha.
Sexa como for, parte dunha combinación clásica e eternamente efectiva como a do plátano e o chocolate polo que o risco era mínimo. O que si nos sorprendeu foi a presentación e tamén o xogo que dá ese húmido biscoito de soporte.
Finalmente, quedamos contentísimos. E non quedou nadiña. Tamén eramos catro a comer, e parece que a todos encantou. Aí vai!


Bananenschnitte

Ingredientes:

  • 1 biscoito (receita aquí)
  • 250 gr de nata montada
  • 5-6 bananas
  • 100 gr de chocolate con leite
  • 100 gr de chocolate branco
  • 1/2 vaso de zume de laranxa

martes, 3 de maio de 2016

Biscoito de espelta con papaia e banana

Vén o sol e veñen as ganas de produtos de tempada, frescos. Apetecen cada vez máis as froitas. E aí por sorte temos onde escoller, ben para as degustar por si soas, que xa son un manxar, ou ben para facermos larpeiradas algo máis saudábeis.
E esta quedou para non deixar migalla. O que máis chama a atención é a súa esponxosidade e o ben que se conserva a pesar do paso dos días. Nós preparámolo o pasado luns e os últimos anacos que quedaban a final de semana estaban igual que o primeiro día. E isto simplemente deixándoo protexido no forno.
Por aquí papouse só, con crema de cacao, mollado en leite... de mil xeitos e igualmente exitoso en todas. Nós que temos algo aborrecido o biscoito tradicional de iogur, agradecemos moitísimo estas novas posibilidades. De feito, é raro que repitamos biscoito, mais con este talvez teñamos que facer unha excepción...

Biscoito de espelta con papaia e banana


Ingredientes:

  • 200 gr de papaia
  • 2 bananas
  • 150 gr de fariña de espelta   
  • 100 gr de azucre
  • 3 ovos
  • 1/2 vaso de aceite
  • 1 sobre de lévedo

sábado, 17 de outubro de 2015

Crema fría de chocobanana

A entrada de hoxe é un pouco especial xa que a facemos desde fóra de Galiza, xa que como vos anunciamos en redes sociais, estamos a pasar a fin de semana en Granada convidados por Puleva para o II Blogtrip "Grandes retos de la alimentación infantil en el nuevo milenio". Xa vos imos contando novidades en Facebook e Twitter, mais faremos unha entrada especial na próxima semana, explicando como foi a viaxe e todo o que estamos aprendendo.
Mais non por estar aquí nos imos esquecer do noso motivo de existencia, os nosos lectores e lectoras, E por tanto, publicamos hoxe unha das últimas receitas que elaboramos, na nosa liña de lambonadas chocolateiras.
E está pensada para aqueles días en que temos convidad@s e non queremos ou non podemos perder moito tempo na elaboración do menú, ou canto menos na da sobremesa. Así estabamos nós estes últimos días preparando a viaxe polo que optamos por un magnífico recurso coma este. E que cumpre ás mil marabillas, como habedes ver:

Crema fría de chocobanana



Ingredientes (para 4 racións):
  • 320 gr de banana (sen pel)
  • 150 gr de chocolate
  • 135 ml de leite
  • 50 gr de améndoa picada
Para decorar:  unha banana.

martes, 16 de xuño de 2015

Macedonia de froitas

Por sorte parece que volven subir as temperaturas, aínda que de momento ben se soporta a calor, haha. Sexa como for, neses días estivais de moita calor, convén hidratarse moito o que non se fai simplemente bebendo auga. Por tanto a nosa alimentación tórnase clave.
Así pois, nestes meses agardamos continuar presentando varias receitas que axudan a nos sentir mellor no verán. A de hoxe é todo un clásico e de seguro que a maioría de vós a ten feito en moitas ocasións xa que non ten a menor dificultade. Porén, como calquera prato de mesturas, ofrece millóns de variantes, e difícil será encontrar dúas familias en que a macedonia se faga de xeito idéntico. É cuestión de procurar o que preferimos encontrarnos nela. Nós por exemplo gustamos de macedonias, moi completas, con moitos froitos. 
Antes de pasarmos á elaboración queriamos mencionarvos a orixe desta denominación. Xa sabedes do noso interese por cuestións lingüísticas... Ao falarmos desta sobremesa, da macedonia, sempre nos vén á cabeza ipso facto o país balcánico. Mais... terán algo que ver?  De igual modo que noutras ocasións o imaxinario popular atribúe relacións lingüísticas do máis atrevidas, desta volta si anda no certo. Non no referido á macedonia de froitas en concreto senón ao termo "macedonia" xa que se coñecen así as combinacións de diversos produtos por causa do Imperio Macedónico. Na época de Alexandro Magno (século IV a.C), tiveron cabida neste imperio diversas nacións, culturas, idiomas... que provocou que hoxe coñezamos como macedonia as combinacións de produtos diferentes, sendo a de maior sona a de froitas.
E para que vaiades abrindo apetito... aquí tedes:

Macedonia de froitas

Ingredientes (para aprox. 10 racións):
  • 5-6 laranxas
  • 2 plátanos
  • 2 kiwis
  • 2 mandarinas
  • 2 peras
  • 2 mazás
  • 10 amorodos
  • 1/2 ananás

sábado, 18 de xaneiro de 2014

Cupcakes de vainilla con chocolate e banana

Esta fin de semana prevese moi mal tempo (choiva, vento e frío), polo que, que mellor plan que meterse na cociña e facer estes riquísimos cupcakes en familia? É, sen dúbida, un dos pasteis máis de moda ultimamente, un clásico desde hai anos nos EUA que pouco a pouco se foi estendendo a outros países. Converteuse nun auténtico "boom" nestes últimos anos e non é estraño ver na Galiza estabelecementos dedicados exclusivamente á súa venda. Dun produto básico como a madalena podemos chegar a facer un verdadeiro manxar totalmente personalizado, ao noso gusto, xa que admite milleiros de variábeis como veredes na seguinte receita.

Cupcakes de vainilla con chocolate e banana 


Ingredientes:
Para as madalenas:
  • 130 gr de manteiga
  • 140 gr de azucre
  • 150 gr de fariña
  • 2 ovos
  • 1 culleriña de fermento
  • 1 culleriña de vainilla
  • A raiadura dun limón
Para o recheo:
  • 187 gr de manteiga
  • 187 gr de azucre
  • 1 banana
  • 75 gr de chocolate negro