sábado, 25 de febreiro de 2017

Torta de freixós

Agora que xa chegou o Entroido, presentamos a larpeirada máis doce das creadas. Esta non leva máscara nin vén disfrazada. Todo o contrario. A súa presenza xa nos permite intuír que nos debemos preparar para un goce único.
Desde Bolboretas no bandullo presentámosvos a que é, para nós, a torta máis saborosa do ano. Había tempo que non desfrutabamos tanto con cada bocado dunha sobremesa. Tivemos que resistirnos e apartar uns cantos freixós da última filloada que preparamos mais a verdade é que a resistencia no primeiro momento mereceu a pena para posteriormente alcanzarmos o paraíso culinario. Ademais, unha vez teñamos a base, os freixós, o resto virá rodado xa que apenas require traballo.
Se nalgún momento da vosa vida tedes dúbidas existenciais e non lle vedes o sentido ao voso percorrido vital, entón chegou a hora de vos pordes man á masa e cociñardes esta torta. Isto é felicidade a cada dentada.
E si, chega no momento xusto pois estamos en época de consecución repetida de filloas polo que, nunha destas, podemos aproveitar o sobrante (cousa rara que sobren freixós) e sorprendermos @s comensais. Han de ficar abraiados. Manda truco, o que dan de si as filloas!


Torta de freixós



Ingredientes:


  • 8-10 freixós
  • Crema de cacao e avelás
  • 2-3 plátanos
  • 8-9 amorodos
  • 150 g de nata
  • Unha cullerada de azucre




Utensilios: un prato (ou fonte), un prato pequeno, unha culler e un coitelo, unha manga pasteleira e un bico.


Elaboración:

Para comezarmos temos de facer os freixós, deixámosvos aquí a receita (escrita e Youtube). 


De seguir, colocamos un nun plato ou nunha fonte e estendemos unha boa capa de crema de cacao. Se vedes que está moi dura, podédela quentar uns minutos no microndas e así estenderase con máis facilidade. 


Sobre o cacao, colocamos unhas lascas de plátano. 


Tapamos con outra filloa e repetimos a operación mais, nesta ocasión, cambiamos o plátano polos amorodos. 





E podemos facer cantas capas nos apetezan. Despois, colocamos un prato sobre a torta e, coa axuda dun coitelo, cortamos os bordos dos freixós, que non quedaban tan bonitos para a torta. 


Decoramos como máis nos guste! Nós puxemos unha filloa dobrada en forma de triángulo, fixemos unhas liñas coa crema de cacao e puxemos un pouco máis de plátano. 


Tamén, montamos a nata coa cullerada de azucre e, coa axuda dunha manga pasteleira e dun bico, rodeamos a torta e puxemos unhas estrelas sobre o plátano.


Deixamos que repouse un pouco e xa estaría preparada para comer! Agardamos que vos guste e que a faigades na casa porque vos aseguramos que vos vai sorprender moi gratamente 😋😘


Iámosvos dicir que pode aguantar varios días no frigo pois os freixós son ben resistentes mais realmente non ten moito sentido pois non cremos que vos dure máis dunha sobremesa. Nós, que estabamos só dous, papámola toda nunha cea e almorzo. A pena apoderouse unha vez rematada mais é que sabía tan ben...
Vivan as lambetadas caseiras, viva o Entroido e vivan os freixós! Que gorentoso todo. Deixámosvos pois coa receita revelación desta tempada, que seguro pasa do caderno dixital e virtual aos vosos pratos após estas indicacións ben sinxelas. Desfrutade destes días e sede moi felices, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmm seguro que estaba de muerte relenta no lo siguiente ,una pena no poder dar cuenta de un caxin no sabeis como me habeis tentado con las fotos del paso a paso.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estaba estaba 😍! A verdade é que é das mellores tortas que probamos nunca: freixós, chocolate, nata e froita... non precisa nada máis 🤤!!
      😋😘

      Eliminar