martes, 18 de febreiro de 2014

Freixós

Cantas ganas tiñamos de vos presentar esta receita, mais preferimos agardar a estas datas en que se achega o entroido e por tanto un dos mellores momentos do ano, gastronomicamente falando. Chega a hora de nos pór a elaborar roscas, orellas, filloas etc., e o máis importante, chega o momento de desfrutar destes manxares galegos.
Nas vindeiras semanas habemos de vos traer varias destas comidas típicas desta época do ano, mais hoxe comezamos co produto estrela, un símbolo da alimentación galega, as filloas, ou como lles chamamos pola Mariña luguesa, os freixós! Tamén temos ouvido outras denominacións pola Galiza adiante, mais non aceptemos "crepes" para un produto tan especificamente da terra aínda que teña coa sobremesa francesa características comúns.
De igual modo, son centos as formas de as elaborar, e o interesante é que son as familias as que marcan o seu modo tradicional de as facer. Poida que, alén do seu sabor exquisito, este sexa un dos puntos fortes desta marabilla alimenticia, unha receita que se fortalece co paso dos anos e que nos serve de conexión co noso pasado familiar, cos nosos devanceiros e devanceiras que foron quen estabeleceron a receita que aquí hoxe vos traemos :-)

Freixós


Ingredientes:
  • 1/2 litro de auga
  • 1/2 litro de leite
  • 6 ovos
  • Fariña
  • 1/4 de vaso de azucre
  • 1/4 de vaso de aceite
  • 1/4 de vaso de anís
  • Pela de limón
  • Chisco de sal


Elaboración:

Mesturamos nun recipiente a auga, o leite, os ovos, o azucre, o aceite e o sal e imos engadindo pouco a pouco a fariña; non vos poido dar unha cantidade exacta debido a que tedes que ir probando, até que espese un pouco a masa.


Agora é o momento de bater co batedor eléctrico para que non quede ningún gromo. De seguir engadimos a pela de limón e deixamos reposar durante 3-4 horas. 

 









Chegou o momento de coller unha tixola (mellor se é especial para filloas, ou unha placa de ferro...) e botarlle unhas gotas de aceite, manteiga ou pasarlle un pouco de touciño para evitar que se peguen. Cun cullerón collemos unha porción da masa e repartímolo por toda a tixola, deixamos que se faga e cando vexamos que se comeza a despegar debemos darlle a volta. 







Colocámolos nunha fonte ou prato e vixiamos que non veñan intrus@s para devoralos!! Nós acostumamos comelos sós porque xa son o suficientemente doces, mais xa sabedes que hai mil variantes para completalos: con mel, azucre, crema de cacao... O caso é que están boísimos da forma que for!



Como vedes, non son nada complexos de realizar, simplemente hai que lles dedicar unha parte do voso tempo. Seguramente coñecedes outras moitas receitas, e moi diferentes. Estes son doces, mais en moitas zonas acostuman facerse salgados. Nese caso podedes enviarnos a vosa, e probamos tamén con ela.

Pois espero que aproveitedes para vos facer uns/unhas expert@s dos freixós e sorprendades aos vos@s achegad@s. Deixámosvos, para dar un toque aínda máis doce, uns versos enxeñosos dedicados a este produto por unha das nosas grandes escritoras, Marica Campo, da que, por certo, recomendamos moi encarecidamente a lectura da súa obra:

ODA Á FILLOA

Ves das mans das avoas das nosas avoas,
moi ilustre señora, filloa, vella amiga, 
fino corpo lixeiro, leite e fariña triga,
para ti a nosa festa, para ti as nosas loas.

Se con mel ou con zucre, toda amor, te nos doas,
 é xusto que adozada a nosa língua diga 
por mellor festexarte tamén unha cantiga
en Muimenta onde hoxe raíña te coroas.

Aquí está a túa casa, que o pobo ten memoria
e sábeche as fazañas, os días de contento
que regalache ós pobres todo ó longo da historia.

O antigo e o novo, xuntos nun mesmo alento; 
traerán a esta vila un futuro de gloria,
¡que árbore con raíces non a derriba o vento!



Marica Campo

8 comentarios:

  1. Vou facer a miña pequena aportación :-) Nas Pontes filloas chámaselles ás que se fan con sangue de porco e os freixós fanse con caldo de carne, coa auga de facer o cocido. Que ganas teño de comer freixós!!!

    Rosalía

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. En Viveiro tamén se lle chama filloas as que se fan coa sangue. E despois hai dúas versións as que se fan con auga que son as doces e as que se fan co caldo son as salgadas.
      A verdade é que apetecen moito xa nesta época, aínda que serían perfectos para comer todo o ano ;)!
      Un bico!!

      Eliminar
  2. Ohhh coas ganas que tiña de facer filloas!
    Agora xa sei que receta facer jajajaja

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alegrámonos que che sexa de utilidade e esperamos que nos envíes unha foto do resultado ;)
      Un saúdo!

      Eliminar
  3. Vos fostedes uns recatados mollando a tixela co pincel, na miña casa faise con anaco de touciño directamente. Non sei que será máis calórico, pero están tan ricas asi...!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Na nosa casa tamén se fai co touciño aínda que tamén con aceite ou manteiga. Calorías!? Pouquiñas... Que cos ricos que están merecen a pena :D:D

      Eliminar
  4. OA OA OA QUERO SER UNHA FILLOA!! QUÉ RECEITA!!!!!!!!!!!!!! :-)

    ResponderEliminar