sábado, 22 de febreiro de 2014

Torta de chocolate con biscoito de plátano

Co motivo do aniversario dunha boa amiga, á que lle encanta o chocolate, decidimos facer esta torta de plátano e chocolate. Fixémola aproveitando a receita do biscoito de plátano que vos presentamos o outro día. Non sei a vós, mais para min a mestura de chocolate e plátano é realmente espectacular, debido ao sabor doce dos dous produtos. O feito de que leve ese biscoito de plátano, e non todo de chocolate, tamén fai que non nos aborreza tan rápido nin nos empache. É por tanto, unha desas sobremesas para as que non fai falta deixar moito sitio durante a comida, entra ás mil marabillas.

Torta de chocolate con biscoito de plátano

Ingredientes:
  • 1 biscoito de plátano (podedes ver a receita aquí).
  • 2 culleradas de marmelada ao gusto
  • 4 culleradas de auga
  • 300 gr de chocolate especial repostaría
  • 50 gr de manteiga
  • 3 culleradas de leite
  • Crema pasteleira de chocolate. Para a súa elaboración:
    • 1/2 litro de leite
    • 4 xemas
    • 100 gr de azucre
    • 50 gr de fariña de millo
    • 50-70 gr de chocolate negro
    • Vainilla
    • Pela de limón
  • Para a decoración: 1 plátano
Elaboración:

Primeiramente deberemos elaborar o noso biscoito para deixalo arrefriar antes da súa montaxe. E, de seguir, facer a crema pasteleira de chocolate. A súa elaboración é moi sinxela e rápida. Para comezar debemos quentar o leite coa pela do limón até que fervan.


Mentres, nunha cunca batemos as xemas de ovo co azucre e a vainilla. Cando isto estea mesturado, engadimos pouco a pouco a fariña. 





Cando o leite ferva, apartamos do lume, retiramos o limón e pouco a pouco engadimos o leite á mestura anterior até que se integren. A continuación, volvemos ao lume e engadimos o chocolate para que funda e esperamos até que a mesture espese. 





















Chegou a hora de montar a nosa fabulosa torta!!! Para empezar, abrimos o noso biscoito pola metade coa axuda dun coitelo ou unha lira. Emborrachámolo coa marmelada mesturada coa auga.











A parte de arriba do biscoito será a base, así a parte superior da torta será máis lisa. Colocamos a base nun prato e botamos a crema pasteleira até ter unha boa capa de recheo. Cubrimos coa outra metade do biscoito. 









Fundimos o chocolate coa manteiga (ao baño maría ou no microndas) e cando estea fundido engadimos o leite. Para cubrir a nosa torta co chocolate, o mellor colocala nunha reixa sobre outra fonte ou poñendo papel para que escorra o chocolate (nós collimos unha fonte do forno e, sobre esta, a reixa do forno).










Botamos o chocolate sobre a torta e coa axuda dunha espátula repartimos o chocolate sobre toda a superficie. De seguir, cortamos o plátano en toros e colocámolos sobre a torta. 




Deixamos que escorra ben o chocolate e cando endureza mudamos á fonte en que o imos presentar e refrixeramos durante unhas 4 ou 5 horas. E xa está lista para ser devorada!! Que aproveite! Como cheguedes con fame á sobremesa tede coidado que a papades toda sen vos enterar :-)

Ningún comentario:

Publicar un comentario