Como cada vez está máis próximo o entroido, cómpre continuarmos coas receitas tradicionais destes días. Hoxe imos coas roscas de entroido. Neste caso non acostuma haber grandes diferenzas nas receitas como no caso dos freixós, aínda que si existen variantes. Forman parte da tradición gastronómica galega, e mesmo Álvaro Cunqueiro falou deste produto en máis dun dos seus textos louvando o seu sabor e marcándoo como típico do país: "El xa estamos na Galicia doceira, na Galicia dos biscoitos, dos amendoados, das rosquiñas das festas... Rosquillas fritas, rosquillas anisadas, roscos de viño..." [en A Cociña galega]. A receita das súas roscas era ademais ben parecida á que aquí vos presentamos. O caso é que traemos outra destas dozuras que apetecen en calquera momento do día.
Roscas de entroido
Ingredientes (para facer entre 25 e 30 rosquiñas):
- 2 ovos
- Dúas medidas de ovo de leite
- Dúas medidas de ovo de aceite de oliva
- 4 culleradas de azucre
- 1 sobre de lévedo
- Reladura de limón
- Un chorriño de anís
- Fariña, aproximadamente 500 gr
Elaboración:
Como podedes comprobar as medidas que utilizamos para esta receita son un pouco especiais, debido a que usamos as medidas de ovo; polo que o primeiro que teremos que facer é abrir un oco na parte superior dun dos ovos coa axuda dun coitelo e botalo nunha cunca - o outro podédelo engadir rompéndoo coma sempre-.
Nese mesmo recipiente, temos que engadir as medidas de ovo de leite e aceite, as culleradas de azucre, a reladura de limón e o anís.
Mesturamos ben e engadimos o lévedo e a fariña pouco a pouco -a cantidade de fariña é orientativa porque teredes que ir botando progresivamente até conseguir unha masa homoxénea. Tapamos a cunca con papel transparente e deixamos reposar 2-3 horas.
De seguir, temos que formar as roscas para o que collemos pequenas porcións de masa, e coa axuda dun dedo facémoslles a forma. Tapamos cun pano e debemos deixar reposar 1 hora.
A continuación, nunha tixola con bastante aceite temos que as fritir de poucas en poucas e ímolas colocando sobre papel absorbente para eliminar o exceso de aceite e... listas para comer!
Que boa pinta!!! O azucar glass tamén se podía facer na casa non? Un bico
ResponderEliminarOlaa! Si que se pode facer na casa. Eu fágoo no muíño do café e queda perfecto :D
EliminarUn saúdo e grazas polo teu comentario!
E ben boas que están. Dou fe; )
ResponderEliminarMoitas grazas! Tíñamos que despedir o mestrado de boa forma :D
EliminarNa miña casa faciase unha receita sen limòn e sen lèvedo que quedaban crujientes por fora e tierniñas por dentro. Teredes algunha receita asì?
ResponderEliminarPois das roscas de este tempo, non temos ningunha así, mais investigaremos porque seguro hai máis dunha versión. Nós, este ano, incluso modificamos un pouco a nosa engadindo un chisco de zume de laranxa.
EliminarUnha aperta!