xoves, 27 de febreiro de 2014

Pizza de zorza con ovos e patacas

As promesas están para se cumprir, por iso hoxe presentamos a segunda das receitas escollidas entre as varias que nos propuxestes na chegada en Twitter a 500 seguidores/as. Neste caso a idea dunha apetitosa pizza de zorza con ovos e patacas debeuse a Ecolleita (twitter.com/Ecolleita), a quen vos recomendamos seguir polo seu traballo por unha agricultura local sostíbel. Neste caso nós non acrecentamos nada, simplemente elaboramos unha completa pizza botando man de todos os ingredientes recomendados por Ecolleita. O resultado é un verdadeiro deleite cun sabor moi intenso. Recomendámosvos que tamén probedes a facela, habedes de quedar con ganas de volvelas facer. Ademais é unha desas pizzas farturentas, así que cunha soa talvez comades vari@s.

Pizza de zorza con ovos e patacas

Ingredientes:
  • Masa caseira de pizza (nós usamos á mesma que para a empanada)
  • Salsa de tomate
  • Queixo 
  • Zorza 
  • 1 pataca laminada
  • 3 ovos
  • Tomiño
  • Ourego
Elaboración:

Primeiramente temos que elaborar a masa para a pizza (deixovos de novo a receita aquí).  E extendémola coa axuda do rolete e colocámola na bandexa do forno sobre papel vexetal ou papel de prata. Botámoslle a salsa de tomate, o ourego e o queixo ao noso gusto -mellor se o queixo é galego e a salsa de tomate caseira. 










De seguir, engadimos a pataca laminada e a zorza, que neste caso nós utilizamos da da casa. E para finalizar os 3 ovos e o tomiño. Enfornamos a 200º (calor arriba e abaixo ou abaixo máis o gratinador) durante 15 min aproximadamente, dependerá do grosor da masa.










A comer!! Que vos parece a pinta que ten?? Pois o sabor aínda mellor, a mestura de produtos faina moi completa e gustosa. Unha pizza diferente ás que estamos acostumad@s a comer que debedes de probar. Desfrutádea gorxóns e gorxonas!!! :-)





6 comentarios:

  1. Respostas
    1. Cando queiras, volvémola facer, iso si, volves pór ti a zorza que esta boísima :-)

      Eliminar
  2. Mi ma! Aí come unha familia enteira! Ten moi boa pinta, haberá que probala ;)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Come come, mais repetir repítese máis dunha vez, haha. Moitas grazas!!

      Eliminar
  3. que loucura de pizza!! Para a lista de receitas a facer moi proximamente, buff. Grazas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Recoméndocha si, pizza diferente para sorprender :-)

      Eliminar