domingo, 16 de febreiro de 2014

Biscoito de plátano

Nesta mañá de domingo aproveitamos para elaborar un delicioso biscoito que vos imos presentar. Xa sabedes, unha das múltiplas vantaxes dos biscoitos é que serven para calquera momento do día: de almorzo, de sobremesa, merenda... E cando se elaboran cunha das froitas máis doces como é o plátano, aínda entra mellor. Ben é certo, que o podedes elaborar coa vosa froita preferida: amorodos, laranxas, melón...
Ademais podemos aproveitar este biscoito como base para unha torta, que vos traeremos moi proximamente.

Biscoito de plátano

Ingredientes:
  • 3 ovos
  • 1 plátano
  • 1 iogur de plátano
  • 3 iogures de fariña
  • 2 iogures de azucre
  • 1 iogur de aceite de oliva
  • 1 sobre de fermento
  • Raiadura de limón

Elaboración:
Para comezarmos, batemos os ovos co azucre e o aceite. De seguir, agregamos a fariña co fermento.


 






Cando estea todo integrado, engadimos o iogur, a raiadura e o plátano cortado en anacos. Neste momento debemos coller o batedor eléctrico para que quede unha masa homoxénea, non vos preocupedes se queda algún cachiño de plátano porque lle dará moi bo gusto.










Botamos a mestura nun molde, ao que previamente lle botamos manteiga e fariña, e enfornamos a 180º (calor abaixo co ventilador) durante 40 minutos. Deixamos que arrefrie un pouco e... A comer!!


Como vedes, moi sinxeliño e realmente saboroso. Ide probando a facelo que dentro de pouco vos habemos de presentar unha xenial idea de torta con esta base. Boa dixestión lambereteir@s!


1 comentario: