Amosando publicacións coa etiqueta filloas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta filloas. Amosar todas as publicacións

sábado, 10 de febreiro de 2018

O Entroido máis lambón (receitas)

Bolboreteir@s, hoxe non traemos unha receita nova mais si unha acumulación de receitas directas ao corazón e ao bandullo pois imos co especial de entroido, coa recompilación máis saborosa.
O Entroido máis famoso do mundo din que é o de Rio de Janeiro. Nós nunca estivemos alá, nin tampouco en Cádiz ou Canarias, onde din que é un espectáculo. O que si cremos é que deben incluír o Entroido galego na listaxe dos máis festivos do mundo, canto menos os do sur, polo respecto á tradición e pola esencia cultural que presentan.
Ademais, sería interesante que fixesen unha listaxe dos festexos máis larpeiros do mundo. Aí si estamos seguros que pouco terían que facer contra as nosas filloas, orellas, cocido... Outro nivel! Se tan agardada é aquí esta celebración é tamén pola posibilidade de poder degustar uns alimentos ligados a unha única época do ano, que sendo tan ansiosos, acabamos por adiantar. Si, aquí o Entroido xa comeza un par de semanas após Reis...
Imos cunha boa mostra do que é o Entroido desde o padal. 

martes, 11 de xullo de 2017

Filloas de salchichas frescas ao viño

Despois dunha fin de semana ben triste por Viveiro, retomamos as receitas, pois a vida sigue e comer, hai que comer, e canto máis saboroso, mellor.
Así pois, a semana pasada collemos unhas salchichas frescas para cear. Iamos comelas simplemente pasadas pola prancha mais estabamos creativos e decidimos argallar co que tiñamos polas lacenas. Entre unha cousa e outra acabamos meténdonos nunhas filloas en pleno xullo! Mais unhas filloas que nada teñen que ver coas que habitualmente papamos por estas terras senón máis próximas ao estilo francés.
Un pouquiño de masa especiada, as salchichas como recheo de poder e a desfrutar.
Se agora xa vos vai ficando máis tempo para meter as mans na masa, cremos que esta poder ser unha boa opción porque o sabor resultante é dificilmente comparábel xa que entran en xogo moi diversos matices. Como dicimos por aquí, hai que xogar coa comida que sempre sae boa cousa. Adiante!!!!



Filloas de salchichas frescas ao viño


Ingredientes:


Para as filloas:

  • 3 ovos
  • 250 ml de leite
  • 125 g de fariña
  • 2 culleradas de aceite de oliva
  • 1 cullerada de ourego
  • 1 culleriña de curry
  • Un chisco de sal

martes, 18 de febreiro de 2014

Freixós

Cantas ganas tiñamos de vos presentar esta receita, mais preferimos agardar a estas datas en que se achega o entroido e por tanto un dos mellores momentos do ano, gastronomicamente falando. Chega a hora de nos pór a elaborar roscas, orellas, filloas etc., e o máis importante, chega o momento de desfrutar destes manxares galegos.
Nas vindeiras semanas habemos de vos traer varias destas comidas típicas desta época do ano, mais hoxe comezamos co produto estrela, un símbolo da alimentación galega, as filloas, ou como lles chamamos pola Mariña luguesa, os freixós! Tamén temos ouvido outras denominacións pola Galiza adiante, mais non aceptemos "crepes" para un produto tan especificamente da terra aínda que teña coa sobremesa francesa características comúns.
De igual modo, son centos as formas de as elaborar, e o interesante é que son as familias as que marcan o seu modo tradicional de as facer. Poida que, alén do seu sabor exquisito, este sexa un dos puntos fortes desta marabilla alimenticia, unha receita que se fortalece co paso dos anos e que nos serve de conexión co noso pasado familiar, cos nosos devanceiros e devanceiras que foron quen estabeleceron a receita que aquí hoxe vos traemos :-)

Freixós


Ingredientes:
  • 1/2 litro de auga
  • 1/2 litro de leite
  • 6 ovos
  • Fariña
  • 1/4 de vaso de azucre
  • 1/4 de vaso de aceite
  • 1/4 de vaso de anís
  • Pela de limón