martes, 11 de xullo de 2017

Filloas de salchichas frescas ao viño

Despois dunha fin de semana ben triste por Viveiro, retomamos as receitas, pois a vida sigue e comer, hai que comer, e canto máis saboroso, mellor.
Así pois, a semana pasada collemos unhas salchichas frescas para cear. Iamos comelas simplemente pasadas pola prancha mais estabamos creativos e decidimos argallar co que tiñamos polas lacenas. Entre unha cousa e outra acabamos meténdonos nunhas filloas en pleno xullo! Mais unhas filloas que nada teñen que ver coas que habitualmente papamos por estas terras senón máis próximas ao estilo francés.
Un pouquiño de masa especiada, as salchichas como recheo de poder e a desfrutar.
Se agora xa vos vai ficando máis tempo para meter as mans na masa, cremos que esta poder ser unha boa opción porque o sabor resultante é dificilmente comparábel xa que entran en xogo moi diversos matices. Como dicimos por aquí, hai que xogar coa comida que sempre sae boa cousa. Adiante!!!!



Filloas de salchichas frescas ao viño


Ingredientes:


Para as filloas:

  • 3 ovos
  • 250 ml de leite
  • 125 g de fariña
  • 2 culleradas de aceite de oliva
  • 1 cullerada de ourego
  • 1 culleriña de curry
  • Un chisco de sal


Para as salchichas:

  • 7-8 salchichas
  • Un vaso de viño
  • Salsa mostaza/ barbacoa

Utensilios: dúas tixolas, unha batedor eléctrico e o seu vaso, un coitelo, unha culler e 1-2 pratos. 




Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer as salchichas ao viño. Para iso, picamos as salchichas cun coitelo e rustrímolas durante 2-3 minutos nunha tixola a lume medio-alto sen aceite.


De seguir, engadimos o vaso de viño e deixamos que se cociñen a lume medio durante 12-13 minutos. Reservamos.










Mentres tanto, facemos a masa das fillos. Botamos no vaso do batedor os 3 ovos e engadímoslles, a fariña, o leite, o ourego, o curry e o sal. 










Batemos moi ben, cando estea ben batido, engadimos unha cullerada de aceite e seguimos batendo. 


Deixamos repousar 5 minutos. Pasados ese tempo, quentamos unha tixola e botámoslle a outra cullerada de aceite. Coa axuda dun cazo, engadimos unha pouca da masa das filloas e estendémola moi ben pola tixola. Cando se poida despegar, dámoslle a volta e deixamos que se cociñe polo outro. Pasámolas a un prato e reservamos mentres acabamos con toda a masa.












Cando teñamos as salchichas cociñadas e as filloas, chegou a hora de facer roliños. Para iso, collemos unha filloa e untámola con mostaza, barbacoa ou unha salsa que vos guste.


Poñemos a salchichas e enrolamos.










De seguir, unha tixola ben quente, pasámolas uns minutos para que se torren un pouco as filloas.


E xa estarían listas para comer!!




Agardamos que vos guste e que as poñades en práctica na casa porque de seguro vos ha sorprender. 


A que ten boa pinta, bolboreteir@s? Pois a imaxe aínda non é capaz de mostrar a sensación de cada bocado a estas filloas que facemos en verán mais cunha perspectiva moi diferente.
Sexa como for, estamos por reivindicar as filloas tamén agora no verán xa que o tempo tampouco aquí tampouco pide tanto refresco de momento. 
Aquí fica a nosa idea. Unha forte aperta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario