Bolboreteir@s, aquí pola Mariña parece que o verán non ten moitas ganas de se instalar, uns días chuvia, outros néboa mais o sol anda escondido. Queda entón aproveitar as tardes para argallarmos na cociña e seguir traendo receitas a Bolboretas no bandullo :-)
Ademais, hoxe traemos unha desas que nos encanta preparar porque temos alma panadeira e adoramos meter as mans na masa. O pan. Ai, o pan! Que alimento tan básico e tan fundamental nas nosas vidas. Se tivermos que escoller un alimento para levarmos a unha illa durante un mes, cremos que nos quedariamos co pan. Xa sabedes o refrán, "onde hai pan, non hai fame" e se é bo, desfrútase, e moito! Velaí este pan sabedeiro:
Boliños ceboleiros
Ingredientes:
- 400 g de fariña
- 1 cebola grande
- 100 ml de viño branco
- 100 ml de auga
- 20 g de lévedo de panadaría
- 2 g de tomiño
- 4 culleradas de aceite
- Sal
Utensilios: unha tixola, unha cunca, unha culler, un pano unha bandexa de forno e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de picar a cebola e rustrila en dúas culleradas de aceite. Botámoslle un chisco de sal para que se fagan antes.
A continuación, mesturamos a fariña co tomiño e o sal.
Facemos un oco no centro e engadimos o viño, a auga, o lévedo e a cebola.
Mesturamos os ingredientes até obter unha masa homoxénea e elástica.
De seguir, facemos boliños de, máis ou menos, o mesmo tamaño. Tapámolos cun pano e deixámolos repousar até que dupliquen o seu tamaño, aproximadamente 40-45 minutos.
Despois enfornámolos a 190º, co forno prequente, calor abaixo e ventilador, durante 25 minutos.
Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listos para comer! Agardamos que vos gusten!!
Ficou apetitoso, verdade? Certamente a cebola ofrécelle aínda máis intensidade ao pan resultando un complemento ben sabedeiro ou mesmo, se facedes coma nós, unha merenda exquisita.
Sexa como for, animámosvos a materdes as mans na masa "porque o que amasa e coce, todo lle loce". Que refraneiros estamos hoxe! Bo sábado, bolboreir@s!!
Uuuummmmmmmmmm pintaza tienen esos panecillos y no dudo lo mas minimo que esten de rexupete.
ResponderEliminarUna pena no poder meter la mano y dar cuenta de uno sois unons tentadores con las fotos ,os han quedado de relujo.
Bicos mil wap@s.
Moitísimas grazas!!! Bicos!!
Eliminar