martes, 21 de febreiro de 2017

Flores de Entroido

Bo día, bolboreteir@s. Cada vez falta menos para os días grandes do entroido aínda que gastronomicamente falando creo que está máis que comezado. Canto menos pola nosa casa na que xa levamos preparado todas as receitas tradicionais desta época. Con todo, tiñamos a espiña coas famosas flores, das que oíramos falar mais que nunca se fixeramos nin viramos pola zona. De feito, cremos que deben de ser máis tradicionais pola zona de Ourense. 
Sexa como for, non iamos quedar sen probar semellante delicia. Procuramos unha tenda de ferraxes e fixémonos cun molde para as preparar, que ademais son ben curiosos. Non foi sinxelo, mais demos  finalmente cun establecemento que si os tiñan, na rúa Concepción Arenal da Coruña.
E tocaba aprender practicando e así foi. Comezamos cun pouco de medo mais unha vez soltos, saían coma churros. Ben, coma flores, queriamos dicir.
Xa temos o corpus completo para un Entroido do máis doce así que... só falta meter as mans na masa e desfrutar! Imos alá!

Flores de Entroido


Ingredientes:

  • 850 ml de leite
  • 600 g de fariña
  • 80 ml de anís
  • 3 ovos
  • 1 cullerada de azucre
  • A reladura de 2 limóns
  • Un chisco de sal
  • Aceite para fritir


Utensilios: unha cunca grande, un batedor manual e outro eléctrico,  unha tixola e un molde para as flores. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de bater os ovos co azucre co batedor manual até que branqueen. 



De seguir, engadimos o leite e o anís. 


Agregamos a fariña, o sal e a reladura de limón.




Mesturamos moi ben e batemos co batedor eléctrico para eliminar todos os gromos. Tennos que quedar unha masa líquida mais algo espesa, similar á dos freixós. Tapamos e deixamos repousar un pouco, nós deixámola 1 hora e media, máis ou menos. Aínda que este paso non é necesario, faille moi ben á masa para que colla consistencia. 




De seguir, temos que botar abundante aceite nunha tixola. Quentámolo e introducimos o molde da flor até que ambos os dous estean ben quentes. Isto faise para que a masa se despegue ben do molde na tixola. 


Despois mollamos o molde na masa, mais non o pode cubrir todo, senón que debemos deixar un mm. por enriba. 


Levamos o molde coa masa á tixola, facemos pequenos movementos arriba e abaixo para que se vaia despegando a masa. Se vemos que lle custa un pouco, podemos utilizar un garfo. 


Deixamos que se doure e, de seguir, dámolle a volte para que tamén se faga polo outro lado.



Colocámolas sobre papel absorbente para eliminar o exceso de aceite, colocamos nunha fonte e xa estarían listas para comer. 


Agardamos que vos gusten e que as preparedes neste Entroido en que xa estamos metidos case de cheo. 



Gorentoso, non é? Pois imaxinade unha vez lle metades o dente, haha. Houbo certa dificultade coas primeiras flores pois non se lograba a forma desexada mais unha vez collida a temperatura e nós adaptados, todo veu rodado. E agora xa matamos a gula pois tiñamos tantas ansias que degustamos até fartar. Vaia par de lambonciñ@s! Aínda que xa sabemos que non somos os únicos, eh, pillabáns 
;-) Ficades pois coa última dozura do blogue. Bolboreteir@s, desfrutade ao máximo do Entroido, gozade dos manxares que nos ofrece e... sede sempre felices. Unha forte aperta! 

4 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmm como tienen que estar esas flores seguro que de rexupete , yo no las hago nunca pese a tener dos moldes con diferente tamaño en casa de mi madre para hacerlas.
    La encargada de ello es mi tiaabuela Dolores con 82 años las hace riquisimaaaaaaaaaas y siempre nos trae una fuente de ellas a casa de mi madre para que comamos , yo soy la encargada de hacer las orejas asi intercambiamos los dulces jisjis.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Iso é unha sorte, poder intercambiar receitas e aprender de todas elas! Nós era a primeira vez que as facíamos e a verdade é que nos encantaron 😜😜
      Un bico enorme e grazas por comentar!!

      Eliminar
  2. Eu adoito facelas, pero éme moi difícil aproveitar a masa ata o fondo e, como non son das de tirar nada, pois amólame facelas. Ricas como elas soas. Pero hogano animástesme. Graciñas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ben que te animásemos a facelas!! Si que estàn moi ricas si, nós facémolas menos porque somos máis de freixós ou roscas 🤩🤩!
      Apertas!

      Eliminar