sábado, 18 de xaneiro de 2014

Cupcakes de vainilla con chocolate e banana

Esta fin de semana prevese moi mal tempo (choiva, vento e frío), polo que, que mellor plan que meterse na cociña e facer estes riquísimos cupcakes en familia? É, sen dúbida, un dos pasteis máis de moda ultimamente, un clásico desde hai anos nos EUA que pouco a pouco se foi estendendo a outros países. Converteuse nun auténtico "boom" nestes últimos anos e non é estraño ver na Galiza estabelecementos dedicados exclusivamente á súa venda. Dun produto básico como a madalena podemos chegar a facer un verdadeiro manxar totalmente personalizado, ao noso gusto, xa que admite milleiros de variábeis como veredes na seguinte receita.

Cupcakes de vainilla con chocolate e banana 


Ingredientes:
Para as madalenas:
  • 130 gr de manteiga
  • 140 gr de azucre
  • 150 gr de fariña
  • 2 ovos
  • 1 culleriña de fermento
  • 1 culleriña de vainilla
  • A raiadura dun limón
Para o recheo:
  • 187 gr de manteiga
  • 187 gr de azucre
  • 1 banana
  • 75 gr de chocolate negro
  • 1 cullerada e media de leite
  • 1 cullerada e media de vainilla 
Para a decoración:
  • Fideos de chocolate
  • Nubes de gominola
  • Lacasitos
  • Etc. 
Elaboración:
Madalenas:

Temos de mesturar a manteiga en pomada, co azucre, os ovos, a vainilla e a raiadura do limón. Batemos durante 3-5 minutos. A continuación, engadimos pouco a pouco a fariña e o fermento até conseguir unha mestura homoxénea. Reenchemos as cápsulas, previamente colocadas no molde, sen sobrepasar as 3/4 partes do molde. E enfornamos a 170º (calor abaixo e ventilador) durante 20 min. Deixamos que arrefríen. 


Recheo:

Derretemos o chocolate ao microondas e deixamos que arrefríe, mais sen que chegue a endurecer. Mentres, batemos a manteiga co azucre, o leite e a vainilla até que branquee; pouco a pouco imos engadindo o chocolate sen deixar de bater até que notemos que a masa sexa consistente. Relamos a banana na mestura anterior e remexemos de novo. 


Agora chegou o paso máis divertido que é montar os nosos cupcakes. Coa axuda dun descarozador facemos un oco nas madalenas (mais non tiredes o anaco que sacaredes xa que nos servirá para as tapar de novo).  Cunha culleriña pequena ou unha xiringa (nova) recheamos coa mestura de chocolate e banana e tapamos co anaco de biscoito que quitaramos anteriormente.


A continuación, estendemos unha fina capa da crema por riba das madalenas e coa axuda dunha manga decorámolas. A continuación, podemos engalanar os nosos cupcakes cos fideos de chocolate, as nubes ou co que máis vos apeteza.  Metémolos no refrixerador durante unha hora, aproximadamente, para que a crema endureza. 
Agora xa os podedes comer, no almorzo, sobremesa ou merenda!! Que aproveite lambereteir@s!!
Por certo, se os facedes non esquezades enviarnos a vosa foto a bolboretasnobandullo@gmail.com




4 comentarios:

  1. Grazas pola receita Diana!!! Teñen moi boa pinta. Por certo, noraboa polo blog

    Fran

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas a ti! Espero que che sexa útil a receita e que nos envíes a foto das túas madalenas!
      Un saúdo!

      Eliminar
  2. A parte de ter moi boa pinta as cupcakes estaban realmente boas. Por certo gustaríame suxerir como prato unha lasaña con proba incluída.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, David. Teremos en conta a túa suxerencia para unha das seguintes receitas.
      Un saúdo!

      Eliminar