Bo día, amig@s! Como vai todo? Nós ímosvos tentar adozar o día cunha nova larpeirada que fixemos con moitísimo agarimo pois leva como elemento principal un alimento deses que nos levan á infancia na aldea, a eses tempos en que encontrar unha boa presa de amoras negras era unha xenial noticia ou ao igual que dar cos primeiros careixóns da tempada. Pois estes "careixós", como aquí dicimos, cada vez parecen máis difíciles de encontrar, e cando nos facemos cuns poucos adoitamos degustalos moi felizmente.
Desta volta, quixemos facer unha receita con eles xa que até o de agora sempre pasaran directamente da planta para o bandullo. Non era unha grande cantidade porque, como dixemos, non é fácil conseguilos mais si deron para lograr unhas cantas madalenas cun sabor ben especial.
Supomos que non en todos lados lles chamaredes careixóns, e por iso aclaramos, que son amorodos silvestres. Porén, o termo utilizado paréceme unha outra fermosura da nosa lingua.
Deixámosvos pois, unha idea para vos animar a ir na procura de careixóns preparando unhas madalenas coma estas, aptas para celíac@s.
Madalenas de careixóns sen glute
Ingredientes (para 20 unidades):
- 150 g de careixóns
- 250 g de azucre
- 200 g de fariña de millo (maicena)
- 180 ml de leite
- 180 ml de aceite
- 3 ovos
- 1 sobre de lévedo