sábado, 14 de outubro de 2017

Doce de mazá

Bo día bolboreteir@s? Como vai todo? Hoxe vimos moi moi doces cun clásico da repostaría galega, unha variante do marmelo mais coa mazá como protagonista. Había tempo que o tiñamos en mente e como nestas semanas hai mazás a esgalla pola zona e nos viñeron de agasallo unhas cantas, había que lles dar saída. Biscoitos, empanadas e agora tamén doces de mazá.
Certo é que hai tempo que temos ganas de probar os propios marmelos mais cando fomos por eles non había na froitaría e despois encontrámonos con tanta mazá que xa aproveitamos.
Esta lambetada encántanos a nós e tamén aos maiores da casa, que son moi de marmelo. A verdade é que até hai uns anos tiñamos algo de reparo con esta sobremesa mais desde que probamos os caseiros... amantes. Aquí fica:


Doce de mazá


Ingredientes:


  • 1 kg de mazás
  • 700 g de azucre
  • O zume dun limón
  • Canela (opcional)





Utensilios: unha pota con tapa, unha culler e un coitelo, un batedor eléctrico e un molde para gardar.


Elaboración:


Para comezarmos temos de pelar e cortar as mazás.


Engadimos o azucre e o zume de limón.


Cociñamos sobre 30 minutos, remexendo de cando en vez para que non se pegue. Trituramos moi ben, engadimos a canela para dar máis sabor e cociñamos 1 hora máis, de novo, removendo de vez en cando.


Botamos nun molde e refrixeramos, polo menos, durante unha noite. 


Se queremos, desmoldamos, e xa estaría listo para comer!


Agardamos que vos guste e que poñades en práctica esta fantástica receita. 


Contámosvos un segredo. Como ben sabedes, o ideal é degustar estes doces aos poucos, estirados no pan ou no queixo, pois concentra moito azucre. Pois ben, nós encontrámolo tan saboroso, que o papamos a bocados. É que ese sabor a mazá cocida edulcorada fainos perder o sentido... Ñam!!
Agora, a desfrutardes vós da última larpeirada!! 

2 comentarios:

  1. A mi no se cual me gusta mas si este de manzana o el membrillo yo lo hago todos los años .
    Seguro que este vuestro estaria de rexupete te ha quedado de relujo no lo siguiente.
    Bicos mil y feliz semana wap@s.

    ResponderEliminar
  2. Que cosa tan rica, el dulce de manzana me encanta tanto como el de membrillo, y a este le quedo una pintaza, vamos que un buen trocito con queso tetilla me lo comia encantada.....Bess

    ResponderEliminar