Ola, bolboreteir@s!! Como vai todo?? Despois duns días de moito traballo e ledicia polo Culturgal (viva a nosa cultura!), toca continuar coa rutina blogueira. Desta volta imos tentar adozamos esta semana xa de por si curta. Optamos pois por unha sobremesa (xa había tempo!), de orixe austríaca e alemá que nunca probaramos mais xa tiñamos anotada desde hai tempo. Para nós non tiña moita intriga o resultado pois hai produtos que garanten o éxito. A combinación de follado e mazá asada vén sendo unha das nosas perdicións desde hai tempo así que só quedaba desfrutar. Se por riba o comlementamos como aquí... Vaia festa culinaria. Ñam!
Strudel de mazá
Ingredientes (para 2 unidades):
- 2 láminas de follado
- 4 mazás
- Arandos deshidratados
- Noces
- 4-5 culleradas de azucre
- 1 cullerada de canela
- 1 cullerada de manteiga
- 1 ovo
- Auga
Para decorar: azucre glas.
Utensilios: unha cunca, unha culler, un coitelo, un pincel, unha bandexa de forno e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, introducimos os arandos en auga.
Mentres, temos de pelar e cortar as mazás en cadradiños.
Botamos sobre as mazás, os arandos (ben escoados), as noces, o azucre, a canela e a manteiga. Mesturamos moi ben.
Pechamos como se fose un paquete.
Facemos o mesmo coa outra lámina e as mazás que nos quedan. Pintamos co ovo batido, picamos un pouco o follado e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos.
Deixamos atemperar un pouco e empoamos co azucre glas.
E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica nestas festas que se aproximan.
Boa pinta, non é? A ver, non serve moito para contar mais aquí o señorito papou un strudel destes todo dunha vez. Xa vedes, tremendo lambón. Mais é que é unha perdición. Tócavos a vós Forte aperta!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario