sábado, 1 de decembro de 2018

Piruletas de queixo de cabra

Bo día, bolboreteir@s! Como vai a fin de semana? Por aquí andamos xa emocionad@s pois nun pouco arrincamos para Pontevedra, para o Culturgal, onde iremos presentar o "Cociñando con bolboretas no bandullo" a través dun obradoiro literario de gastronomía cos máis peques.
Entretanto, seguimos preparando novas receitas. Estes días xa andamos centrados no menú de Nadal. Si, si, aínda queda moito mais... hai que ir argallando novas ideas para petiscos, sobremesas e demais.
Así é como chegamos a este aperitivo. A verdade é que o queixo de cabra é deses produtos que se ama ou se odia. De feito, aquí un de nós xa pasou polos dous extremos podéndomos agora realizar receitas con el tranquilo. É máis, precisamente nos petiscos da nosa voda, apareceron unhas piruletas de queixo de cabra para lamber os beizos.
E estas, non deixan nada que desexar. Un sabor moi intenso que nos levan ao pracer culinario. Velaquí fican.



Piruletas de queixo de cabra



Ingredientes:

  • 1 rulo de queixo de cabra
  • 1 cullerada de marmelada de framboesa
  • Sésamo
  • Un chisco de aceite





Utensilios: unha cunca,  un coitelo, un garfo e paus de piruletas.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de quitarlle a pel ao queixo de cabra e triturámolo co garfo. 


Engadimos a marmelada e seguimos mesturando.


Cando consigamos unha pasta homoxénea, comezamos a facer boliñas coas mans. Se as untamos cun chisco de aceite, será máis sinxelo. 









Insertámolas no pau e rebozamos con sésamo.


Colocámolas nun vaso e xa estarían listas para comer!


Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica estas festas natalicias.


Percibimos ultimamente, cando saímos xantar, que este produto se está a pór moi de moda. E se levades a cabo unha receita coma esta ides entender o porqué. Adiante, bolboreteir@s. Forte aperta!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario