Bolboreteir@s!! Como estades? Nós de cine pois vimos dunha finde moi intensa polo noso amado Lugo, con voda o sábado en Sarria. Maneira de papar, amig@s! Aínda temos gravada na retina a cara dos convidad@s que viñan de fóra ante tal exhibición culinaria, haha.
Pero nós hoxe imos healthy, moi healthy. Como prometemos xa hai unhas semanas, traemos o que foi para nós a descuberta da tempada, os poke bowls. Xa hai uns poucos anos que abriron negocios de comida hawaiana na Coruña mais a verdade é que até este outono non nos dera por probar. E sorprendeunos moitísimo xa que percibimos certos toques da comida xaponesa como os propios arroces pero nun prato moi ambicioso no que se poden incorporar elementos moi diversos.
A orixe está en Hawai e a palabra "poke" ou "pok-ei" viña a significar cortado en anacos pequenos, referíndose principalmente ao peixe capturado no día, de maneira crúa. A partir de aí sabemos que o paradisíaco destino ten recibido frecuentes chegadas de navegantes polinésicos, xaponeses, estadounidenses o que se mostra en influencias varias que tamén afectan a este prato. E sabe, vaia se sabe o poke bowl.


