Hoxe traémosvos un clásico da cociña que a todas e todos vos gustará! Unhas saudábeis e saborosas albóndegas acompañadas dunha salsa de verduras. As albóndegas levámolas comendo toda a vida e ben boas que están polo que decidimos presentarvos a nosa receita que, seguramente, sexa moi similar á que vós facedes na casa. Unha boa maneira de aproveitar a carne picada que teñades na casa para desfrutrardes deste prato tan gustoso.
Albóndegas con salsa de verduras
Ingredientes:
Para as albóndegas:
- 500 gr de carne picada (mestura de porco e tenreira)
- 1 ovo
- Queixo relado, ao gusto
- Pan relado, aproximadamente 100 gr
- Fariña, aproximadamente 50 gr
- 1 dente de allo
- Pementa negra
- Ourego
- Sal
- 1 cebola grande
- 2 cenorias
- Salsa de tomate
Elaboración:
Para comezar, temos de triturar a cebola e as cenorias coa picadora e colocalas nunha pota sobre a salsa de tomate.
De seguir, facemos as albóndegas. Para iso, mesturamos a carne picada -adobada coa pementa, un chisto de sal e o allo picado finamente- co queixo relado e o ovo. Pouco a pouco, engadimos o pan relado até conseguir unha masa compacta.
O seguinte paso é facer as boliñas, coa axuda das mans, e pasalas pola fariña para que non se deformen durante a cocción, a continuación colocámolas na pota sobre a salsa.
Cociñámolas, a lume medio, durante 30-40 minutos, aproximadamente, e listas para comer!
Aí o tedes, non é un prato espectacular, mais si un básico do máis efectivo xa que gusta a practicamente toda a xente. Desfrutade destas albóndegas!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario