Xa que os cupcakes están arrasando, imos voltar á súa orixe, que non é outra que a das madalenas, para demostrar que estas tamén poden ser moi doces e saborosas. Este alimento é todo un clásico mais creo que tamén é o grande perxudicado do boom dos cupcakes. Por iso nos puxemos mans á masa para preparar unhas ricas madalenas válidas para a merenda, sobremesa ou almorzo. O obxectivo, alén de lograr un bo sabor, era mesturar amorodos e chocolate. O resultado convenceunos totalmente! Estes produtos van moi ben xuntos. Achegan ese punto de dozura de que tanto gustamos xunto a froita, que aínda que sexa en pequenos cachiños, sempre é importante integrala na nosa alimentación. Aí van as nosas madalenas:
Madalenas de amorodos, chocolate e abelás
Ingredientes:
- 250 gr de fariña
- 250 gr de azucre
- 250 ml de aceite de oliva
- 4 ovos medianos
- 8 gr de lévedo en pó
- 2 culleradas de anís
- A reladura dun limón
- Un chisco de sal
- 130 gr de amorodos
- 130 gr de chocolate con abelás
Elaboración:
Para comezarmos, temos de separar a clara das xemas e montar as claras a punto de neve.
Mesturamos as xemas co azucre e pouco a pouco imos incorporando as claras montadas.
Cando as claras estean totalmente integradas, engadimos pouco a pouco o aceite, o anís e a reladura do limón.
A continuación, botamos, pouco a pouco, a fariña peneirada e o lévedo. Así mesmo, engadimos os amorodos e o chocolate cortado en anacos pequenos. Mesturamos ben e reenchemos os moldes.
Enfornamos a 180º, calor abaixo e ventilador, durante 25-30 mintutos. Deixamos que arrefrien e xa estarían perfectas para comer!!
Xa vedes, que pinta teñen! Unhas madalenas nada secas que xa entran moi ben á primeira hora da mañá. Moi sinxeliñas de facer e ao tempo entretidas para unha mañá ou tarde de aborrecemento. Desfrutade delas lambisqueir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario