domingo, 30 de marzo de 2014

Panetela de pera e noces

Non nos resistimos e volvemos aos doces. Hai tempo que tiña gana de vos presentar a receita de hoxe porque me encanta! Adoitamos facer biscoitos de vez en cando como almorzo para a semana, e un día así decidimos engadirlles algo para o facer diferente, máis nutritivo e sobre todo máis substancioso. O resultado foi do máis positivo, unha delicia que fai este doce moito máis apetecíbel e fácil de dixerir debido á humidade que lle dá a froita. 
As primeiras veces probamos con mazá mais desta vez optamos pola pera dando lugar a un verdadeiro manxar. Deste modo rompemos a posíbel monotonía do biscoito sendo tamén para @s máis pequen@s moito máis atraente. Unha vez máis a froita axúdanos a lograr os mellores pratos!
A pesar de partirmos do biscoito tradicional, escollemos a denominación de panetela por así o dicir meu avó, xa que recordou que este tipo de doces eran chamados "panetela" na súa infancia. E nós acollemos a palabra! Aí vai:

Panetela de pera e noces

Ingredientes:
  • 1 iogur e medio de limón
  • 4 iogures de fariña
  • 3 iogures de azucre
  • 1 iogur de aceite
  • 1 sobre de lévedo en pó
  • 6 ovos
  • 2 peras grandes
  • 10 noces
  • Reladura de limón


Elaboración:

Para comezar, separamos as xemas das claras. Batemos as claras até as subir a punto de neve e reservamos.

Por outro lado, batemos as xemas co iogur e medio de limón, a fariña mesturada co lévedo, o azucre, o aceite e a reladura do limón até obter unha masa homoxénea.



 De seguir, imos engadindo pouco a pouco as claras á masa anterior con movementos envolventes, para que estas non perdan o aire.




A continuación, botamos a metade da mestura no molde, previamente untado con manteiga e fariña, e colocamos as dúas peras cortadas en láminas, procurade cortalas bastante finas xa que senón quedarán no fondo, como nos pasou a nós. Cubrimos as peras coa masa restante e engadimos as noces cortadas en anacos. 





 Enfornamos a 175º, calor abaixo e ventilador, durante 50 minutos. 











Deixamos arrefriar e xa estaría listo para comer! Non vos preocupedes se baixa un pouco o noso pastel cando o sacamos do forno xa que é totalmente normal. 



Cómese xa cos ollos, e máis saboroso imposíbel! Unha recomendación moi intencionada pola nosa parte para que a probedes. Se non é con estas froitas, con outras serve, mais veredes como mellora o biscoito. Iso si, esquecédevos de que vos dure nin a metade do que os normais. Entra lixeiriño directo ao bandullo! Bo proveito lambonciñ@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario