martes, 12 de xaneiro de 2016

Nachos con guacamole e salsa cheddar

Bo día bolboreteir@s!! Como continúa o ano? Agardamos que ben e que neste 2016 xa probarades algunha das receitas que por aquí tedes, que cada vez son máis e máis.
Desta volta imos cunha nova receita internacional, sección que tiñamos algo parada mais non esquecida. E imos a un dos grandes territorios gastronómicos do mundo, México!! Cantos recursos podemos tirar do país azteca, e fomos a un dos grandes clásicos que nos levaban tempo pedindo, uns nachos!
Convertéronse hai tempo nun símbolo do país xunto ao chile, que tamén temos pendente. Os nachos, non teñen esa denominación por casualidade. O feito de que coincida co hipocorístico Nacho (de Ignacio) explica a súa orixe, xa que este era o nome de quen improvisou o prato ante as demandas dun grupo de mulleres norteamericanas. Con todo, non é unha receita de longo percorrido histórico xa que isto sucedeu neste século pasado, concretamente en 1943 no estado de Coahuila.
Alén das curiosidades, sabemos que os nachos xa non quedan ligados unicamente aos restaurantes mexicanos senón que cada vez os podemos encontrar en máis locais, facéndose moi recorrentes por ser unha opción económica e de sabor moi intenso grazas aos mollos que adoitan acompañar. 
Nós desta volta optamos polo que cremos máis tradicional e que tiñamos ganas de elaborar desde hai moito tempo, o guacamole. Tamén fai parte a carne para lograr máis consistencia. Velaí vai o resultado.


Nachos guacamole e salsa cheddar


Ingredientes (para 4 persoas):
  • Nachos
  • 150 gr de carne picada
  • 1 cullerada de aceite de oliva
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
Para o guacamole:
  • 1 aguacate
  • 1 tomate
  • 1 cebola
  • O zume de media lima
  • Unha culleriña de coandro
  • Un chisco de sal 
Para a salsa cheddar:
  • 400 ml de leite
  • 1 cullerada de fariña
  • 1 cullerada de manteiga
  • 200 gr de queixo cheddar
  • 1 culleriña de pemento doce
Utensilios: varias cuncas, un garfo, un coitelo, unha culler, unha fonte, unha tixola e un cazo.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de preparar as salsas. Empezaremos co guacamole. Para iso, temos que quitarlle a carne ao aguacate. Botámoslle un chisco de sal e o zume da lima. Machacamos coa axuda dun garfo. 




A continuación, engadímoslle o tomate e a cebola, picados o máis finamente posíbel. Botamos tamén a culleriña de coandro. Mesturamos moi ben. Reservamos. 


A continuación, temos de facer a salsa cheddar, que é unha bechamel de queixo. Comezamos derretendo a manteiga nun cazo. 


Cando estea derretida, engadimos a fariña e mesturamos moi ben. 


Agregamos o leite, o queixo cortado en anacos e a culleriña de pemento para darlle máis cor. 




Mesturamos moi ben até que espese un pouco. Reservamos. 


De seguir, rustrimos a carne na cullerada de aceite e adobada cun pouco de allo en po, pementa moída e un chisco de sal. 




E agora temos que montar o prato!! Colocamos nunha fonte os nachos. 


Despois, colocamos a carne picada. 


Salseamos co guacamole e a salsa cheddar


E xa están listos para comer!! Agardamos que vos gusten. 


Desta vez, centrámonos nos mollos e en lograr unha boa combinación mais xa deixamos prometida unha receita dos propios nachos, dos triángulos de tortilla de millo, para presentar aquí, sexa con esta ou outra combinación.
Dunha ou outra forma, os nachos con guacamole e salsa cheddar son unha óptima escolla para unha cea non moi pesada ou para acompañar outros pratos en presenza de convidad@s. Ha de gustar a tod@s e habedes de quedar enganchados ao seu sabor para o futuro.
Fica convosco este anaco de México para mollar sen parar. Moi bo martes, amig@s!

4 comentarios:

  1. No has tardado nada en convencerme a que hora dices que me pase a comer uumm seguro estan de rexupete ademas de quedarte de relujo.
    Como siempre receta y fotos de 20 points.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Vente vente, que estamos niso agora, hahaha!!
      Moitas grazas guapa!

      Eliminar