Boas, bolboreteir@s! Como levades esta última semana de xuño. Como pasa o tempo, verdade! Xa nos imos meter de cheo no verán aínda que por aquí aínda non tocan vacacións. Para iso faltan un par de semanas.
E facemos máis saborosa a espera con receitas como a de hoxe, un PATÉ DE CENORIA! Porque adoramos o veganismo e as súas múltiplas posibilidades creativas. Quedámonos con esta porque supón unha alternativa ao paté clásico que, se somos sinceros, sempre nos deu un pouco de mal rollo desde que escoitaramos a mítica historia do fígado inflamado, grrrrrr...
Mais con patés vexetais coma este, só hai que pensar en desfrutar porque o que é a elaboración... tampouco ten moita ciencia como veredes. Aí vai:
Paté de cenoria
Ingredientes:
- 4-5 cenorias
- 1 cullerada de curry
- 1 culleriña de coantro
- 1 culleriña de ourego
- 1 culleriña de sésamo
- 1 cullerada de aceite
- 1 cullerada de limón
- 1 culleriña de auga
Para decorar: 1 cullerada de aceite, sésamo.
Utensilios: unha cunca, un microndas, un coitelo, unha culler, unha culleriña, papel transparente e un batedor eléctrico.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de pelar as cenorias e cortalas en anacos. Botámolas nunha cunca apta para microndas, engadimos unha culleriña de auga e tapámolas con papel transparente. Metemos no microndas 6 minutos.
A continuación, engadimos o curry, o ourego, o coantro, o sésamo, o aceite e o limón. Trituramos moi ben.
Servimos nun vaso ou un bote de cristal, engadimos o aceite e o sésamo.
E xa estaría listo para comer! Podémolo comer con tostadas, picos, verduras....
Agardamos que vos guste e que o faigades na vosa casa porque, como puidestes ver, é moi sinxelo e está delicioso 😉
Nós aproveitámolo como aperitivo, mais como merenda cun pan de molde ou cunha torrada tamén ha de entrar moi ben. Ademais, despois de o metermos no frigo ganará en intensidade e sabor para nos refrescar estas tardes que veñen. Fica convosco unha nova idea, amig@s. Fortísima aperta!
Uummmmmmmmmmm pintaza tiene ese pate de zanahoria y seguro que sabe mejor ,una pena no poder meter la mano y rellenar un taper ,os ha quedado de relujo.
ResponderEliminarBicos mil wap@s.
Asegurámosche que está delicioso (estouno merendando agora mesmo) 😉😉! Seguro que che encantaría!!
EliminarBicos e grazas por pasarte!