sábado, 1 de xullo de 2017

Tacos de leituga con carne

Como ides, bolboreteir@s? Desde Bolboretas no bandullo dámosvos a benvida a xullo cunha nova receita, improvisada para a cea de onte mais que tiña moito de seguro e pouco de risco.
Diciamos xa hai tempo que un día tiñamos que facer uns roliños coas follas da leituga ou do repolo e chegou o momento. Poderiamos optar por mil e un recheos mais fomos desta volta clásicos querendo recrear os míticos tacos mais cun envoltorio ben diferente.
Estas follas de leituga dan un toque de frescura que contrasta coa carne acabada de saír da tixola e resulta novidoso para o padal.
Ademais, é unha destas ceas de preparar en apenas uns minutiños pois apenas está o traballo en picar e mesturar. Queda o paso máis complexo, saborearmos estes tacos de leituga con carne cos que iniciarmos este mes estival! A por eles!




Tacos de leituga con carne


Ingredientes (para 2 persoas):


  • 4 follas de leituga
  • 200 g de carne picada
  • 1 cenoria 
  • 1/2 cebola
  • 1/2 tomate
  • 1 dente de allo
  • 1 chile (opcional)
  • 1 cullerada de aceite
  • 1 cullerada de mostaza
  • Pementa moída
  • Ourego
  • Sal

Utensilios: unha táboa e un coitelo e unha tixola.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer o noso recheo. Para iso, temos de rustrir, nunha cullerada de aceite, o dente de allo, a cenoria e a cebola ben picadiñas. 









Cando pasen 5-6 minutos e estean brandiñas as verduras, engadimos a carne picada, e o chile. Ademais sazonamos coa pementa moída, o sal e o ourego ao gusto.



A continuación, o tomate, tamén cortado en dados. 


Deixamos que se cociñe a carne e, cando teña o punto que vos gusta, engadimos a cullerada de mostaza. Mesturamos moi ben.









Mentres tanto, temos que escoller as follas de leituga, lavalas e secalas. 


De seguido, reenchémolas coa carne e as verduras. 


Se queredes, podedes engadir tamén un pouco de queixo. Senón, xa estarían listas para comer!! 


    Agardamos que vos gusten e que os poñades en práctica!! 



    Oxalá estes tacos alternativos estren nas vosas cociñas pois temos seguro que vos convencerán. Para estes días de verán que chegades tarde da praia e non vos apetece cociñar moito, aquí fica unha idea máis a anotardes. 
    Tede unha moi boa fin de semana, amig@s! Unha forte aperta!

    4 comentarios:

    1. Que idea mas buena para una cena ademas de sana y rica ,nunca he preparado ni comido unos tacos de lechuga con carne pero no dudo que esten para chuparse los dedos ,os ha quedado un plato de relujo.
      Bicos mil wap@s.

      ResponderEliminar
      Respostas
      1. Sii, seguro que che gustan! Son moi frescos e están deliciosos!!!!
        Apertas!!

        Eliminar
    2. Gostaria q fixesedes algubha receita con bochechas (estou algo farto de ler "carrilleiras" e animaladas do estilo). Grazas

      ResponderEliminar
      Respostas
      1. Tomamos nota e poñémonos a traballar ����! Mil grazas a ti ��

        Eliminar