sábado, 16 de xullo de 2016

Petiscos crocantes de pataca doce

Seguimos, amig@s! Con esta vaga de calor mellor levada nun sitios que noutros, nós seguimos aproveitando cada momento libre para argallar en novas receitas e non fallar co máis importante de Bolboretas no bandullo, as persoas que estades ao outro lado!
Non sabemos se xa vos contáramos, mais hai tempo descubrimos a batata, tamén chamada pataca doce, que nunca probáramos até aquel momento. Desde esa, xa a integramos no menú semanal e adoitamos preparala en diversos xeitos até que chegamos a este modo que nos convenceu moitísimo.
A verdade é que comer batata axuda a mudar a perspectiva gastronómica pois estamos a combinar doce e salgado, algo que non se fai con moita frecuencia en Galiza.
E vaia, son un vicio destes que che fan ir unha e outra volta ao prato. Imos abrir apetito!

Petiscos crocantes de pataca doce


Ingredientes:

  • 2 patacas doces ou batatas
  • Pementa moída
  • Pemento doce
  • Pemento picante (opcional)
  • Aceite de oliva
  • Un chisco de sal
Utensilios: coitelo e táboa (ou mandolina), papel vexetal e bandexa de forno.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de pelar e lavar moi ben as patacas doces. Despois, cortámolas en lascas moi finas coa mandolina ou cun coitelo e unha táboa.


Sazonámolas con pementa moída e sal ao gusto. Engadimos 2 culleradas de aceite e mesturamos moi ben.


Colocámolas sobre a bandexa do forno cuberta con papel vexetal.


Engadimos o pemento doce e o picante ao noso gusto. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 20-25 minutos.


Servimos e xa estarían preparadas para comer!! Agardamos que vos prazan tanto coma nós. O que si, probar hai que probar, que sempre convén ir aumentando o abano de posibilidades na mesa, que de seguro que xa o tedes bastante amplo. Tranquil@s, non imos pór a ninguén no debate pataca/batata porque o resultado sería obvio, mais estas patacas doces tamén dan para uns momentos ben saborosos, ou non? Agardamos novidades, bolboreteir@s! 

5 comentarios:

  1. Una buena manera de comer un aperitivo sin agregados que hacen mal a la salud.
    Besos y gracias por pasar por mi blog

    ResponderEliminar
  2. Buen aperitivo y sobre todo casero, un beset

    ResponderEliminar
  3. Buen aperitivo y sobre todo casero, un beset

    ResponderEliminar