xoves, 21 de agosto de 2014

Peitugas en salsa de verduras

Unha outra nova receita en Bolboretas no bandullo!!! A última antes de coller unhas pequeniñas vacacións polo Naseiro, a Romaría do Bo Xantar, á que non podiamos faltar, como sempre :-) Se botades un ollo ao cartaz das festas xa vedes, o venres día do polbo, o sábado da paella, domingo dos callos, luns do caldo, e martes da sardiñada. Unha verdadeira tentación a, para nós, mellor festa do mundo!
E como van ser días de excesos, deixámosvos cunha receita lixeira, nutritiva e moi saudábel pola combinación entre unha carne de pouco graxa coma o polo e as necesarias verduras. Un prato destes, que xorden nun momento vendo que non hai outra cousa pola cociña. E a verdade, esta combinación é garantía de éxito. Ideal!


Peitugas en salsa de verduras

Ingredientes:
  • 2 filetes de peituga
  • 1 cebola
  • 1 cenoria
  • 1/2 berenxena
  • 1 vaso de mollo de tomate
  • 1/2 vaso de viño branco
  • Pan relado
  • Aceite de oliva
  • Sal, pementa moída, ourego e estragón
  • Pementos de padrón (opcional)
Elaboración:

Para comezarmos, temos de rustrir a cenoria e a cebola picadas en dúas culleradas de aceita. Engadimos un pouco de sal para que se cociñen antes. Cando abranden un pouco, agregamos a berenxena, cortada en cadradiños. 



Cando as verduras estean cociñadas, botamos o viño branco e deixamos que evapore. De seguir, engadimos o mollo de tomate e mesturamos ben. 





Mentres se cociña a salsa de verduras, preparamos as peitugas. Corámolas en anacos e adobámolas ao noso gusto, nós botámoslles sal, pementa moída, ourego e estragrón. Pasámolas por pan relado e fritímolas. Despois, sacámolas para un prato con papel absorbente para eliminar o exceso de aceite. 





Chegou a hora de montar o noso prato! Colocamos no centro do prato unha pouca de salsa de verduras e, sobre esta, as peitugas. Podémolas acompañar con patacas, arroz branco, pan... mais, nesta ocasión, escollemos os pementos de padrón como acompañantes, xa que están comezando a saír e non nos puidemos resistir. 


Sinxeliño, sinxeliño! E xa sabedes, esta é unha idea da que partir, mais se por algo nos gusta tanto a cociña é pola súa flexibilidade ao gusto de cada un. Botádelle as verduras que prefirades, ou mesmo podedes probar con algunha froita :-) Esperemos que vos gustase e desexámosvos bo proveito! Vémonos no Naseiro lambonciñ@s!

1 comentario: