Seguimos con este mes tan festeiro e tamén con novas receitas para vós. Hoxe imos cun produto que tiñamos moitísimas ganas de probar a facer desde hai tempo, e nesta ocasión déronse as condicións idóneas. Os abrulleiros están xa cheíños, coas pólas a piques de fender, e por tanto fomos recoller os zorollos. O "problema" foi que viñemos con máis de dez quilogramos para a casa polo que pensamos rapidamente en que facer, e aí foi onde nos lembramos da marmelada, unha idea óptima para aproveitar tanta froita xa que ao envasalas ao baleiro nos van durar moito tempo.
Como era a primeira tentativa, utilizamos só dous kg., que deu para seis botes. Agora, visto o resultado, xa estamos preparados para unha segunda volta con máis botes.
Por certo, nós aquí chamámoslles zorollos, unha alternativa á forma cerollos, mais vós que outros nomes utilizades para designar esta doce froita de verán? A vea filolóxica nótase en cuestións como estas, haha.
Marmelada de zorollos
Ingredientes:
Elaboración:
Para comezarmos, temos de lavar os zorollos e quitarlles a carabuña.
Botámolos nunha pota grande co azucre e o zume do limón, mesturamos ben e deixamos repousar 1 hora.
A continuación, temos de cocer a nosa mestura a lume medio (6-7 en indución) durante, aproximadamente, unha hora.
Deixamos arrefríar uns minutos a mestura e repartirmos a marmelada nos botes.
De novo, deixamos arrefríar os botes e tapamos. Colocámolos noutra pota ao baño maría para cerralos ao baleiro e que duren moito tempo. Nós fixémolos coa tapa rápida e levounos uns minutos, mais da forma tradicional levará uns 30 minutos.
Despois de todo, temos dúas opcións: facer unhas torradas para probar a nosa deliciosa marmelada ou gardalos para ter reservas para todo o inverno.
Nós xa aproveitamos para facer algún agasallo con estes botes polo que nos quedamos sen eles, mais esta semana botaremos man dos zorollos sobrantes para lograr reservas para todo o ano. Así aforramos de mercar o almorzo durante uns meses, haha.
Esperamos que vos guste esta receita xa que a consideramos de grandísima utilidade para aproveitarmos toto tanto beneficio nos dan as nosas árbores froiteiras. Talvez proximamente haxa algunha sorpresa relacionado con esta saborosa e doce marmelada. Atrevédevos e despois de comprobardes o sabor comentádenos :-) Bo domingo lambisqueir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario