venres, 15 de agosto de 2014

Empanada de berenxena e atún

Por Viveiro xa andamos de festa e iso na Galiza e garantía de comidas copiosas e moi gorentosas! Ademais, hoxe é un día especial: Bolboretas no bandullo aparece no mellor xornal galego, o Sermos Galiza, nun Caderno de Agosto dedicado á gastronomía galega e á súa presenza na rede. Xa podedes ir mercalo ao voso quiosque!
É certo que estes días andamos algo apurados, mais para cociñar sempre hai que sacar un pouco de tempo e garantir uns bo xantares e ceas. Por iso, puxémonos cun dos produtos co que máis nos gusta andar na cociña, a masa, para dar lugar a unha nova empanada, que procuramos facer para aqueles que non gustan tanto da carne. A ver que vos parece a idea.

Empanada de berenxena e atún

Ingredientes:
  • Masa de empana (receita aquí)
  • 1 bote de atún
  • 1 cebola
  • 1 berenxena
  • 4 culleradas de mollo de tomate
  • Queixo relado ao gusto
  • 1 ovo
  • Aceite
  • Sal e especias ao gusto


Elaboración:

Para comezar temos de elaborar a masa, separala en dúas partes iguais e estiralas. 


A continuación, temos de facer o recheo. Empezamos rustrindo a cebola picada en dúas culleradas de aceite. De seguir, engadimos a berenxena, cortada en anacos, e mesturamos ben. 



Cando estean feitas, engadimos o atún e, para finalizar, engadimos o mollo de tomate e o queixo relado. 












Colocamos o recheo sobre a metade da masa e tapamos coa outra metade, picámola coa axuda dun garfo e pintámola con ovo batido.
  


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos. Deixamos arrefríar un pouco e lista para comer! Que aproveite!


Apetecíbel non?? A verdade é que as empanadas, alén dun produto galego que cómpre reivindicarmos unha e outra vez, son moi divertidas de elaborar e moi personalizábeis. Mesmo son moi interesantes para facer cos máis pequen@s polo entretido de andar probando coa masa. Despois, canto ao recheo, toda a liberdade do mundo, hai combinacións do máis estrañas. Con todo, asegúrovos, que esta estaba digna de papala de vez! Oxalá vos guste amig@s! Lémonos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario