domingo, 31 de agosto de 2014

Torta de mazá

E despois destes días de descanso que collemos con motivo da Romaría do Bo Xantar, era necesario regresar cunha receita das que garanten o éxito e das que máis éxito ten na nosa casa: a torta de mazá. Realmente é todo un clásico que podemos encontrar na maioría das pastelarías da Galiza e que ten moi boa acollida por ese agradábel e doce sabor da mazá asada que tanto xogo nos dá para outras receitas como a propia empanada de mazá.
Non está moi clara a súa orixe, mais a verdade é que na actualidade converteuse nun dos símbolos da gastronomía inglesa e estadounidense. Sexa como for, é unha torta de moitas variantes e que dependen do lugar de creación.



Torta de mazá

Ingredientes:
  • 1 lámina de follado
  • 4 mazás
  • 1/2 vaso de leite
  • 1/2 vaso de nata
  • 1/2 vaso de azucre, máis extra para espolvorear
  • 1 ovos
  • 4 culleradas de marmelada


Elaboración:

Para comezar, temos de estirar a lámina de follado, picámola coa axuda dun garfo, doblamos os bordos e colocamos as mazás peladas e laminadas. De seguir, botamos azucre por riba. Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo co ventilador.



Mentres, facemos a crema. Para iso, temos que bater o leite, a nata, o azucre e os dous ovos.










Cando o follado suba un pouco e as mazás estean brandiñas, aproximadamente aos 15 min, botamos a crema e deixamos cociñar 10 minutos máis. Retiramos do forno.













Deixamos que arrefría un pouco, pintamos con marmelada e lista para comer!! Que aproveite!!


Se vos gusta a mazá e o doce, esta é a receita ideal para vós. Iso si, se tedes pensado comer varios dela facédea ben grande ou máis dunha porque é moi moi lixeira e podedes comer tres ou catro porcións sen ningún tipo de problema. Mentres a faciamos xa pensamos na posibilidade de crear proximamente unha das variantes máis coñecidas deste doce, a torta Totin, a tan exitosa que vén gañando moita fama nos últimos anos e que destaca principalmente por ser unha torta de mazá invertida.
Mentres tanto deixámosvos con esta máis clásica que se non o fixestes até o de agora, debedes probar a elaborar. E mandádenos fotos para ver os vosos resultados. Bo domingo larpeir@s!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario