sábado, 30 de novembro de 2019

Samosas de verduras

Ola, bolboreteir@s!! Como vai todo? Agardamos que esteades moi felices e con apetito para creardes novas receitas porque hoxe vimos con ganas de vos conquistar.
O thai namorounos desde hai uns anos até un punto de se converter nunha auténtica perdición. Tentamos probar todos os restaurantes deste estilo cos que nos encontramos e imos gardando os pratos favoritos. E así chegamos a coñecer as samosas, que aínda que son orixe india, convertéronse nun referente da cociña tailandesa. Ou canto menos nos restaurantes europeos.
Ademais, este prato conta con puntos fortes como o a sinxeleza e o da facilidade para encontrar os produtos, algo que non sempre sucede con este tipo de receitas internacionais. Como vedes, verduras como protagonistas e unha vestimenta ben faciliña. Aquí vai!




Samosas de verduras



Ingredientes:


  • Pasta filo/brick
  • 1/2 berenxena
  • 1/2 cabaciña
  • 2 cenorias
  • 1/2 cebola
  • Sésamo
  • 1 cullerada de curry
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva
  • Para acompañar: salsa teriyaki. 

Utensilios: unha tixola, unha táboa e un coitelo, unha bandexa de forno cuberta con papel vexetal.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir en dúas culleradas de aceite a cebola e a cenoria, ben picadiñas. Cociñamos 6-7 minutos. 


Pasado ese tempo, engadimos a berenxena e a cabaciña, cortadas en cadrados ben pequenos. Tamén, sazonamos co curry, o allo en po, a pementa moída e o sal, ao noso gusto. Cociñamos 7 minutos máis. 



Facemos tiras duns 10 cm coa pasta filo (ou coa brick) e, nun lado, poñemos unha cullerada das verduras. 


Pechamos dándolle forma de triángulo (tal e como vedes na foto) e seguimos até acabar coa tira de masa. Na última parte, botamos un chisco de aceite (ou manteiga) para que peche ben. 


E repetimos a operación até acabar co recheo. Pintamos cun chisco máis de aceite (ou manteiga) e empoamos co sésamo. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 10-12 minutos, ou até que vexamos que están douradas.


Servimos acompañándoas de salsa teriyaki (ou outro mollo que vos guste) e xa estarían listas para comer! Que pouco vos han de durar, veredes. Son un vicio! Oxalá as gocedes, bolboreteir@s!!


1 comentario:

  1. A que hora dices que me pase a comer 😋
    Esas samosas se ven divinisimaas y seguro que están de rexupete.
    Bicos mil para los tres 😘

    ResponderEliminar