E como por sorte seguimos desfrutando dunhas xornadas de moito sol, continuamos a tirar de froitas e verduras para as nosas receitas. E como xa había tempo que non traiamos nada para @s celíac@s, hoxe vai por eles e elas tamén.
Tiñamos cruzada desde hai tempo unha torta/biscoito de cenoria posto que nos encantan, alén de estar moi na moda ultimamente (as sonadas carrot cake). Mais claro, de vez en cando procuramos innovarmos un pouco para ver que sae... e atrevímonos co kiwi e unhas pébedas de cabaza. Se vos asusta a mestura, teredes que probala e comprobardes que é do máis acertada.
Ademais, este biscoito non se fai nada aborrecido e resulta ideal para a primeira comida do día polas súas múltiplas vitaminas. Velaquí o tedes:
Bolo de cenoria e kiwi sen glute
- 100 gr de fariña de millo
- 75 gr de azucre
- 50 gr de manteiga
- 3 ovos
- 3 cenorias
- 2 kiwis
- 1 sobre de lévedo en po
- Unhas poucas pébedas de cabaza
Utensilios: batedor eléctrico ou manual, relador, espátula e molde de 22 cm.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de bater os ovos co azucre e engadimos a manteiga, que debe estar en pomada.
De seguir, engadimos as cenorias reladas e mesturamos coa axuda dunha espátula.
Despois engadimos o kiwi, relado (se está un pouco duro) ou cortado en anacos pequenos (se estiver maduro).
Mesturamos a fariña de millo co lévedo e engadímolo á mestura anterior.
Botamos a mestura no molde; nós utilizamos o molde do Bundt Cake, mais podedes utilizar o que máis vos guste ou o que teñades na casa.
Enfornamos a 180º, calor abaixo, durante 30 minutos e xa estaría preparado para comer!!
Sorprende o esponxoso que queda por dentro, principalmente polo líquido que achega o kiwi e sorprenderavos a diferenza que se obtén pola fariña de millo. Así que, se gustades moito das tortas de cenorias mais tedes ganas dun novo estilo, esta é a vosa. Ademais, xa vedes que quedou cunha apariencia moi xeitosiña que nos leva a meterlle o dente si ou si.
Desfrutade da semana cun bo almorzo coma este. Unha fortísima aperta, amig@s!
Me encanta! Y es sin gluten! Lo voy hacer si o si, se ve muy jugoso, gracias por compartirla
ResponderEliminarUn abrazo
Que ben! Que alegría, xa nos contarás que tal que seguro que vos encanta!
EliminarBicos!