Bolboreteir@s, como vai esta semana diferente. Por aquí andamos aproveitando para o estudo e para as novas receitas aínda que casualmente a que hoxe vos traemos foi elaborada hai ben tempo. Tiñámola extraviada entre as pendentes de publicar e case queda en terra de ninguén para sempre. Menos mal que falamos de recreala esta semana, chegándomos así a decatarnos da cuestión.
Ben, pois aínda que as salchichas é un alimento que non consumimos con moita frecuencia, si nos apetece de vez en cando, ben para facer con arroz e ovos ou para un cachorro quente. Con todo, matinamos en argallar algo diferente con elas, procurando a autosorpresa.
Ben, pois unha torta de salchichas xa pintaba extravagante e se por riba optamos pola fariña de millo, máis aínda, pois ides percibir como fica moito máis densa, intensa e substanciosa. E ademais apta para celíac@s! Ten un sabor moi peculiar e se sodes de fariña de millo e salchichas resultará imposíbel que non vos conquiste o padal. Iso si, recomendamos o seu proveito como aperitivo e non como prato principal pois se se come en grandes porcións pode chegar a empachar. Imos pois, cunha receita ben innovadora. Adiante!
