sábado, 25 de maio de 2019

Biscoito de cenoria saudábel

Bo día, bolboreteir@s! Non vos asustedes, a palabra saudábel está comezando a ganar moito espazo no noso blogue mais non por iso renunciamos ao doce eh! Co larpeir@s que nós somos...
Ben, pois hoxe erguímonos con ganas de argallar na cociña e, previo paso polo super, preparamos unha lambonada idónea para almorzo, sobremesa ou merenda.
Non sei se xa vos contamos algunha vez a paixón que sentimos polas carrot cake. Ben, isto non chega a esas cotas de dozura mais criamos que a cenoria tiña que ser a protagonista desta fin de semana... et voilà!
Se sodes dos que os biscoitos forman parte xa da vosa familia, ollade a idea para ampliar o rexistro. Aí vai.




Biscoito de cenoria saudábel


Ingredientes:

  • 300 g de cenoria
  • 150 g de fariña integral/avea
  • 4 ovos
  • 2 culleradas de aceite
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 culleriña de canela
Para a cobertura:
  • 300 g de queixo crema con iogur
  • 2 culleradas de vainilla
  • 2-3 láminas de xelatina neutra
  • Auga
  • Noces (para decorar)

Utensilios: dúas cuncas, un relador, unha espátula, unha peneira e un molde apto para o forno.



Elaboración:

Para comezarmos, batemos os ovos até que dupliquen o seu tamaño. 


De seguir, engadimos a cenoria relada e o aceite. 


Botamos a fariña xunto co lévedo peneirados e ímolos integrando, pouco a pouco. 


Agregamos a canela e mesturamos moi ben. 


Botamos a mestura no molde, previamente engrasado.


Enfornamos a 160º, calor arriba e abaixo, co forno prequente, durante 40 minutos, aproximadamente.

 

Mentres arrefría un pouco o biscoito preparamos a crema. Poñemos as láminas de xelatina a remollo en auga fría durante 5 minutos. 


De seguir, escoamos ben a xelatina e botámola en dúas culleradas de auga quente. Reservamos. 



Mesturamos o queixo crema co iogur e a vainilla. 


 Engadimos a xelatina ao queixo crema e mesturamos de novo. Refrixeramos 10-15 minutos. O resultado vai ser unha crema lixeira, non moi espesa.


Pasado ese tempo, abrimos o biscoito pola metade e botamos unha fina capa da crema. 


Tapamos, agregamos unha pouca máis de crema e decoramos cunhas noces. 


Deixamos repousar 30 minutos-1 hora e xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste! Nós aínda estamos degustando nel e gozándoo ben. Xa nos contades cantas veces o recreades vós. Fortísima aperta, amig@s!


2 comentarios:

  1. Me encantan los bizcochos de zanahoria y no me canso de hacer nuevas combinaciones de especias y glaseados .
    Este os ha quedado divinsimo y no dudo lo mas minimo que estuviera de muerte relenta no lo siguiente las fotos no dejan de decirme comeme.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar