martes, 28 de maio de 2019

Puré de coliflor

Ola, bolboreteir@s! Como vai todo? Por aquí andamos collendo forzas para a recta final de curso polo que hai que procurar achegas vitamínicas de onde for e cremos que a coliflor se dá moi ben para isto xa que contén vitamina C e B en grandes cantidades. Ademais, destaca por ser moi rica en auga (máis do 90%) e unha boa fonde de fibra. Vaia xoia! E ademais, apetitosa!
Tamén é certo que cremos o puré logra manter a intensidade de sabor das verduras e nesta receita que hoxe vos presentamos, o sabor a coliflor é clarísimo. Non está oculto.
Para peques dá, ademais moito xogo, coma todos os purés, mais cremos que convén ampliar o abano de posibilidades máis alá da pataca.
Nós desta volta preparámolo como base dun solombo que cociñamos mais xa sabedes que iso vai a gusto do consumidor.
Velaquí o tedes!


Puré de coliflor



Ingredientes:

  • 1 coliflor
  • 4 culleradas de leite
  • 1 cullerada de aceite
  • 1 culleriña de allo en po
  • Pementa moída
  • Sal





Utensilios: unha pota, unha vaporeira (opcional), unha cunca e un batedor eléctrico.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de cociñar a coliflor. Podédela cocer en auga ou ao vapor. Nós fixémolo ao vapor. Tardará sobre 10 minutos. 


Pasamos a coliflor cociñada a unha cunca grande. 


Agregámoslle o leite, o aceite, o allo, a pementa moída e o sal. 


Trituramos moi ben co batedor eléctrico. 


E xa estaría listo para comer! 
Nós acompañámolo duns toros de solombo e estaba delicioso ;) 


Resulta apetecíbel, non é? De verdade que aquí lambemos a pota cos restos. Sexades amantes ou non da coliflor veredes o ben que entra este puré. Xa nos contades, amig@s!

1 comentario:

  1. Uummm de viciuus seguro ,que ganas de dar cuenta de un plato con lo que me gusta la coliflor,no me veis pero no he dejado de haceros la ola.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar