Bo dia, bolboreteir@s!!! Como vai todo? Non derretestes aínda??? Xa ten mérito entón, haha. Ben, pois por aquí seguimos con ansiar de vos facer un pouco máis apetecíbeis os días con receitas saborosas. Hoxe imos cun produto recorrente no noso blogue, un dos nosos moluscos preferidos: os mexillóns. Hai quen lles chama o marisco dos pobres e hai tamén quen os despreza mais nós cremos que son unha das grandes xoias das nosas rías. Talvez cando adquiran outros custos comezan a ser máis valorados. Sabemos que non sería o primeiro caso cun marisco galego...
Ben, de todas todas, nós habémolos gozar sempre que podamos, dun xeito ou doutro. E a maneira en que hoxe vola presentamos, seguro que a coñecedes pois é un clásico en moitas casas polas festas ou tamén como aperitivo nalgúns restaurantes. Aquí van os nosos mexillóns á vinagreta.
Mexillóns á vinagreta
Ingredientes:
- 1 kg de mexillóns
- 1 pemento vermello
- 1 pemento verde
- 1 pemento amarelo
- 1 tomate
- 1 cebola
- Aceite de oliva
- Vinagre
- Pementa moída
- Sal
- Auga
Utensilios: unha pota, unha fonte, unha táboa e un coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de lavar e cocer os mexillóns até que abran. Reservamos. Mentres tanto, picamos todas as veduras en cadradiños pequenos: os tres tipos de pemento, o tomate e a cebola.
Aliñamos con 5-6 culleradas de aceite e un pouco máis de vinagre e mesturamos moi ben.
Quitámoslles unha casca aos mexillóns e colocámolos nunha fonte grande.
Coa axuda dunha culler, ímolos cubrindo coa vinagreta. Refrixeramos 30 minutos-1hora.
E xa estarían listos para comer! Diría o outro: "estes entran como pipas". E así é, non podemos resistir a tentación e van un detrás do outro. Ben, deixámosvos que creedes e que nos digades os vosos resultados. Non hai fallo, veredes. Apertas saborosas, amig@s!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario