mércores, 31 de xullo de 2019

Fajitas de tofu e guacamole

Bo día, bolboreteir@s! Como vai o remate de xullo? Imaxinamos que moit@s estaredes contentísimos coa chegada de agosto. Nós nerviosos, pois vai ser un mes intenso, polo que parece.
E seguimos avanzando coas receitas. Hoxe preparamos unha variante para un dos clásicos das nosas ceas, as fajitas. Adoitamos preparar as tradicionais con bastante frecuencia así que pensamos noutra posibilidade de as crear para así non as aborrecer. E claro, como alternativa ao polo ou carne picada agora sempre nos vén o tofu. Que descuberta!! Velaquí a receita!



Fajitas de tofu e guacamole


Ingredientes:

  • 4 tortillas de millo
  • 400 g de tofu
  • 2 cenorias
  • 2-3 ravos
  • Guacamole 
  • 2 culleradas de salsa de soia
  • Pementa moída
  • Allo en po
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: dúas tixolas, un relador, unha culler, un coitelo e un prato.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer o guacamole. Aquí vos deixamos a nosa receita. Reservamos. 
A continuación, preparamos o tofu. Escoámolo moi ben e cortámolo en cadradiños. Rustrímolo nunha tixola cun chisco de aceite e pementa moída, allo e sal ao noso gusto.


Cando se torre un pouco, botamos as dúas culleradas de soias e deixamos que absorba o líquido. 


Mentres tanto, quentamos as tortillas e untámoslles unha boa capa de guacamole.


De seguir, cenoria relada e os ravos laminados.


Por último, engadimos o tofu e pechamos as nosas fajitas.


E xa estarían listas para comer!


Son super saudábeis e fanse nun momento. Agardamos que vos gusten. Nós papamos un par delas cada un sen apenas non enterar. Ides percibir que son bastante lixeiras e que entran moi ben, especialmente polo guacamole.
Aperta fortísima e boa entrada de agosto!

Ningún comentario:

Publicar un comentario