sábado, 27 de xullo de 2019

Albóndegas de cabaciña

Bo día, bolboreteir@s! Pasado xa o Día Nacional da Galiza e aproveitando que polo norte non temos unhas xornadas moi apatecíbeis para pasear puxémonos a argallar na cociña, botando man dunha das nosas verduras favoritas, a cabaciña. Desta volta non houbo que imaxinar. Pensamos nun dos produtos por excelencia de inmensas culturas gastronómicas, como son as albóndegas, e démoslle o protagonismo ao verde.
Tiñamos ademais unha salsa marinara no blogue esperando por un bo produto e vaia, este cumpriu ao grande!
Prácennos moito este tipo de receitas agora que se achega o peque porque cumpren co obxectivo de achegar unha alimentación equilibrada dando entrada a moi diferentes verduras. Pensemos que aquí optamos por cabaciña mais podiamos botar man practicamente de calquera. Velaquí está:



Albóndegas de cabaciña


Ingredientes:

  • 2 cabaciñas grandes
  • 300 g de espinacas
  • 1/2 taza de queixo ricotta
  • 6-7 noces
  • 2 cullerada de allo en po
  • 1 cullerada de cebola en po
  • 1 cullerada de ourego 
  • 1 cullerada de alfábega
  • Pementa moída
  • Sal
  • 2 culleradas de fariña
  • 1 ovo
  • Pan relado
  • Aceite de oliva
  • Para acompañar (opcional): salsa marinara

Utensilios: unha bandexa de forno con papel vexetal, unha picadora e unha cunca grande.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de cortar a cabaciña en anacos e poñela nunha bandexa de forno cubera con papel vexetal. Adobamos con pementa moída, unha cullerada de allo en po e sal ao gusto. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 15-20 minutos para que se cociñe. Reservamos. 


Mentres tanto, trituramos as noces e reservamos. 


Nunha cunca, mesturamos as espinacas co queixo. 


E agregamos as especias, a fariña, as noces trituradas e 3-4 culleradas de pan relado (isto último, será cuestión de ir probando e xa vos vai ir pedindo a masa segundo quede máis branda ou non). 


Trituramos, tamén, a cabaciña e engadímola á mestura anterior xunto co ovo. 



Mesturamos moi ben e facemos as boliñas, que colocaremos sobre unha bandexa de forno cuberta con papel vexetal. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 25-30 minutos, até que estean douradiñas e firmes. 


Sacámolas do forno e botámolas sobre a salsa escollida, nós botamos 4-5 champiñóns laminados, e dámoslles un fervor para que se asenten os ingredientes. 


E xa estarían listas para comer! 


 Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica! Como vedes nós, sabedores do lambóns que somos, xa preparamos unha boa cantidade. Ademais, pensade que no caso de vos sobraren (que nos estraña!), sempre podedes conxelar e terdes un xantar listo para cando o desexedes. Apertas, bolboreteir@s!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario